Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ante un hipotético traslado

O Concello da Coruña di que "Ence non é aceptábel baixo ningún punto"

Xavier Losada cualifica as noticias neste senso de "brincadeira informativa". O PPdeG critica a Quintana por "ligar" a mudanza ao concurso eólico.

Redacción - 19:15 19/05/2008
Xavier Losada

Xavier Losada

O Concello da Coruña oponse ao traslado da planta de Enerxía e Celulosa (Ence) dende a ría de Pontevedra ao porto exterior coruñés ou ao de Ferrol. O alcalde da cidade, Xavier Losada, cualificou de "brincadeira informativa" a noticia publicada este domingo polo xornal La Voz de Galicia que apuntaba neste senso e que lle restaba opcións ao Concello das Pontes.

"Coido que as cousas se deben tomar en serio e non se vai levar nin á Coruña, nin a Ferrol", asegurou Losada, e recordou que "se está a levar a cabo un saneamento de ambas as dúas rías", polo que negou rotundamente a posibilidade. "Non é que se negue, é que nin sequera se contempla", sentenciou.

"Anos loitando por rías non contaminadas"

Neste mesmo senso manifestouse a tenente de alcalde, Carmen Marón, (do PSdeG, como Losada) que rexeitou "de pleno" esta opción. "Levamos anos loitando por ter unhas rías non contaminadas, e as estacións depuradoras de augas residuais que se están a construír nestes momentos son a nosa grande esperanza", sinalou.

"Non é aceptable baixo ningún punto de vista o traslado da celulosa Ence aos portos exteriores da Coruña ou de Ferrol polo grave risco que suporía para as nosas costas", engadiu a edil.

PPdeG: Comparecencia de Quintana no Parlamento

Por outra banda, o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, apelou este luns ao "principio de prudencia" co que defendeu que debe traballar a Xunta para non adiantar ningún dato sobre o traslado de Ence a outra localización dentro do país.

Fernández Antonio realizou unha argumentación similar á utilizada polo vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, que este domingo pediu "discreción e eficacia". "Non nos corresponde á Administración dar información, correspóndelles aos empresarios que están nesa negociación", alegou o conselleiro de Economía.

Ao respecto, o voceiro do PPdeG no Parlamento, Manuel Ruiz Rivas, anunciou que os populares solicitarán a comparecencia de Quintana, para que explique se o traslado de Ence fóra da ría de Pontevedra "vai ligado" a "algún tipo de prebenda" relacionada co sector eólico, algo que, ao seu xuízo, "sería gravísimo".


4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: