O alcalde de Pontevedra advirte que a decisión de ampliar o permiso ambiental de Ence viola gravemente os acordos do bipartito.
Ao alcalde de Pontevedra non lle tremeu este luns a voz á hora de cualificar a decisión da Consellería de Medio Ambiente ao respecto do complexo Ence-Elnosa. O nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores considera que a ampliación por tres anos da autorización ambiental á celulosa é unha “traizón e un paso atrás moi grave”. Para o rexedor, non hai dúbida de que a decisión do conselleiro socialista Manuel Vázquez supón “consolidar” a actividade destas empresas na ría.
A decisión da Xunta doe especialmente no BNG local. Esta formación chegou en 1999 á alcaldía do municipio coa promesa de pelexar polo traslado da factoría. Lores considera que o anuncio do conselleiro de Medio Ambiente é “unha violación flagrante” dos acordos adquiridos polo bipartito galego: “No pacto de goberno asinado por Touriño e Quintana en 2005, recollíase expresamente o traslado de ambas factorías”.
Dende o goberno pontevedrés anunciaron que recorrerán a decisión da Xunta e que chegarán “até as últimas consecuencias”. Pola súa parte, o voceiro da dereita pontevedresa, Telmo Martín, mostrouse satisfeito pola decisión da Xunta.
Reacción de Medio Ambiente
O conselleiro de Medio Ambiente teima en afirmar que as dúas empresas “cumpren medioambientalmente” e retou ao alcalde nacionalista a que “peche el a empresa”. Manuel Vázquez insistiu en que o Goberno mantén o compromiso de que se traslade a factoría antes de 2018. Con respecto ás declaracións de Lores, Vázquez botou máis lume ao afirmar que “a demagoxia ten uns custes”.