Máis do 80% dos estadounidenses considera que o seu país non vai ben. O 70% rexeita a xestión de Bush á fronte do goberno.
Máis do 80% dos estadounidenses considera que o seu país marcha polo mal camiño, a maior cifra nos últimos 15 anos, segundo revela unha enquisa conxunta do xornal The Washington Post e a canle de televisión ABC News, realizada entre o 8 e o 11 de maio.
Neste senso, o 36% dos entrevistados afirma que a economía é o seu principal tema de preocupación, namentres que a ocupación de Iraq representa o 21%. Ademais, segundo a sondaxe, case o 70% dos cidadáns rexeita a xestión do presidente George W. Bush á fronte do goberno de Estados Unidos.
A maioría dos entrevistados considera, tamén, que o Partido Demócrata está mellor preparado ca o Republicano para tratar os problemas do país. No entanto, o candidato desta última formación, John McCain, continúa moi perto en intención de votos con respecto aos seus rivais demócratas Hillary Clinton e Barack Obama.