A Asemblea Nacional debate por primeira vez na historia un proxecto de lei que agarda ter aprobado en 2009.
A ministra de Cultura, Christine Albanel, dixo que Francia non vai asinar a Carta Europea baixo ningún concepto
Por vez primeira na súa historia, a Asemblea Nacional francesa abordou de xeito oficial a situación de marxinalidade na que se atopan os idiomas minorizados que se falan no Estado. O míúdo pero ben simbólico paso foi posíbel grazas a unha iniciativa do deputado Marc Lefor, un bretón que pertence ao partido UMP de Nicolas Sarkozy.
Mais aínda que se acordou levar adiante un proxecto de lei que regularice minimamente a situación do euskera, catalán, bretón, occitano, alsaciano e corso, a ministra de Cultura, Christine Albanel, subliñou que Francia non vai ratificar, baixo ningún concepto, a Carta Europea de linguas minoritarias.
Na actualidade a constitución fracesa sinala que o francés é a única lingua da República. Aínda que os activistas a prol do plurilingüismo sinalan que o paso dado pola Asemblea Nacional é moi cativo tamén recoñecen que, polo menos, é un paso nun Estado que sempre se caracterizou pola súa férrea política de uniformización lingüística. Agárdase que a lei entre en vigor a finais de 2009.
Poden ler unha entrevista en Vilaweb cun candidato da UMD, Daniel Mach
Tamén ampliar información en AFP e Agence Bretagne Press