Chavéz ameaza coa "expropiación" se os actuais propietarios teiman en esixir cinco veces máis do que o executivo está disposto a ofrecer.
"Se non chegamos a un acordo nas próximas horas, o martes asino o decreto de expropiación e mando ocupar a fábrica", advertiu o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, durante o programa Aló, presidente. O enfado de Chávez chega despois do ofrecemento do goberno de pagar até 511 millóns de euros pola empresa Sidor, fronte aos 2.600 millóns de euros que esixen os actuais propietarios. Chávez cualificou de "tolos" aos propietarios por esixir tal cantidade.
Sidor, Siderúrxica do Orinoco, foi privatizada hai xa once anos. Na actualidade está baixo o control do grupo empresarial Ternium, integrado á súa vez no xigante italo-arxentino Techint, que ten a maioría do accionariado. O goberno venezolano mantén aínda un 20% do capital. A decisión de reintegrar á propiedade estatal a empresa ten ademais que ver coa intención de poñerlle fin a un longo conflito sindical. Para este mesmo luns estaba prevista unha nova xuntanza de representantes do grupo empresarial co propio vicepresidente, Ramón Carrizales.