O goberno chinés pon como condición que o Tíbet cese no seu independentismo e que deixe de "conspirar e sabotar" os XXOO.
Segundo un comunicado da axencia oficial de noticias chinesa, o goberno aceptou a oferta do Dalai Lama para se reunir cun dos seus representantes en Beixín. Porén, un voceiro do líder espiritual tibetano na India afirmou que non lle constaba este ofrecemento.
Fontes citadas pola axencia Xinhua explicaron que a xuntanza se vai producir após "as repetidas peticións realizadas por parte do Dalai Lama para retomar as conversas", e que o executivo chinés agarda que "pola banda do Lama se dean pasos críbeis para deter as actividades que perseguen separar China e para acabar coas conspiracións e a incitación á violencia".
Ademais, tamén piden que se deteñan as sabotaxes aos Xogos Olímpicos de Beixín, como condición para que teñan lugar as conversas. O goberno chinés -recolle tamén a axencia- sempre lle mantivo "a porta aberta" ao Dalai Lama.