A noite do cinema galego tivo un gañador claro; no Teatro Jofre de Ferrol o filme de Jorge Algora non deixou opcións aos outros candidatos.
Un tras doutro O neno de barro foi recibindo premios. Estaba nominado en dezaseis candidaturas e levou nove, incluídas as de mellor filme, mellor director (Jorge Algora), mellor guión (Jorge Algora, Christian Busquier e Héctor Carré), mellor música orixinal (Nani García) e mellor actor protagonista (Chete Lera), ademais da meirande parte dos galardóns técnicos. Os outros filmes que optaban ás categorías principais tivéronse que conformar con un ou dous premios, destacando o premio á mellor actriz protagonista recibido por María Bouzas, por Unha muller invisible, e os galardóns ás interpretacións de reparto, que foron para Luis Zahera (Concursante) e Mabel Rivera (Hotel Tívoli).
Na categoría de televisión houbo tamén un dominador claro: Historias de Galicia fíxose cos premios ao mellor programa, mellor director (Ricardo Llovo) e mellor comunicador de TV (Xosé Barato). Ademais, Air Galicia obtivo o premio á 'mellor serie'.
No apartado de animación, Gritos en el pasillo gañou o premio á mellor longametraxe; e A flor máis grande do mundo o de mellor curtametraxe. Nas restantes categorías, Historia dunha parroquia (Bren Entertainment) foi elixido mellor documental do pasado ano; Cousas do Kulechov, de Susana Rey fíxose co premio na categoría de 'mellor obra experimental'; e Adeus Edrada?, de Rubén Riós o de mellor curtametraxe.
Noite de recoñecementos
Ademais dos gañadores nas 25 categorías, o polifacético actor Ernesto Chao, o que fora o primeiro Presidente da AGA, recolleu o Premio de Honra Fernando Rey. Esta é a primeira ocasión na historia da entidade na que este galardón recae nas mans dun actor.
Ademais, a Academia Galega do Audiovisual aproveitou a gran cita do ano para facerlles unha pequena homenaxe aos compañeiros falecidos nos últimos doce meses, a través da proxección dunhas imaxes nas que se lembraron as figuras de Pedro Amalio López (director e realizador de TV), Eduardo Díaz (redactor), Aquilino "Quino" González (cámara de TV), Emilio Mac Gregor (director-realizador), Agustín Díaz (redactor), Eugenio Pena (director e realizador de TV) e John Balan (artista).