'Concursante', 'Hotel Tívoli', 'Unha muller invisible' e 'O neno de barro' optarán ao premio ao mellor filme galego do 2007.
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas, acompañada por Nani García, directivo da entidade; Marisela Lens, xerente; e Miguel Lorenzo, asesor xurídico, fixeron público este venres os nomes dos finalistas aos Premios Mestre Mateo, que nesa edición conta con vinte e cinco categorías, e aos que se presentaron 121 traballos de 86 produtoras. Os premios entregaranse o 15 de abril nunha gala que se celebrará no Teatro Jofre de Ferrol.
O neno de barro, de Jorge Algora, é o filme que conta con máis candidaturas, cun total de 16. Competirá por ser elixido mellor película galega do 2007 con Concursante, de Rodrigo Cortés, que acadou 8 nominacións, Hotel Tívoli (catro candidaturas) e Unha muller invisible (dúas). Nas nominacións destaca a presenza de nomes ilustres da cinematografía internacional, como Maribel Verdú (por O neno de Barro), Leonardo Sbaraglia (O Concursante) ou Manu Chao (música orixinal en LT22, Radio La Colifata).
Donkey Xote, Nocturna e Gritos en el pasillo compiten polo premio á mellor longametraxe de animación; mantres que o galardón á mellor curta de animación disputarase entre O bufón e a infanta, Don señor e o home do soño, A flor máis grande do mundo, e Man. E o galardón ao mellor documental estará entre Os 15000 de Newark, Dando a nota, Historia dunha parroquia, Isaac, e Tolos por Xapón.
En canto ás categorías de televisión, Alalá, Criaturas, Hai que mollarse e Historias de Galicia pelaxarán polo premio ao mellor programa. Air Galicia, E por que?, Linatakalam e A vida por diante competirán polo premio á mellor serie, acumulando esta última produción un total de 12 candidaturas.