Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia as subvencións apenas publican en galego

O Goberno recoñece que os medios incumpren as obrigas coa lingua

Non aclaran se haberá mecanismos de control. O executivo tamén admite que a precariedade laboral dos xornalistas en Galiza dobra a media do resto de sectores.

    Redacción - 14:45 14/04/2008

    "A decisión de publicar en galego é empresarial", avaliou este luns no Parlamento o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, durante a súa intervención na Comisión Institucional da Cámara, atribuíndolle aos propietarios de medios de comunicación en Galiza a responsabilidade da baixa cota da lingua na prensa do país.

    Así e todo, admitiu que a Xunta considera "insatisfactoria" a situación actual, onde malia as elevadas cantidades ingresadas polos medios de comunicación, o compromiso co fomento do galego é mínimo. "Os medios de maior difusión non son os que máis se distinguen polo uso do galego", analizou Fernando Salgado, "son pola contra os medios máis cativos os que lle están dando ao galego unha presencia máis elevada". Ao fío, Salgado cualificou de "moi modestos" os resultados da actual estratexia de axudas.

    "Escasos cambios" respecto do modelo do goberno anterior
    Fernando Salgado respondía así á interpelación de Modesta Riobó, deputada do BNG, quen expuxo que no "xiro" que a sociedade galega "demandou co cambio de goberno en 2005" non era reclamación pequena a necesidade de mudar "o modelo de relacións cos medios de comunicación" que estabeleceran os gobernos liderados por Manuel Fraga. Na opinión de Riobó, o Goberno non está contribuíndo a fomentar un escenario mediático "plural e diverso", onde os xornalistas poidan traballar con normalidade e onde a lingua "acade un estatus de normalidade". "As resolucións das axudas aos medios están sendo moi similares ás do executivo anterior", laiouse a deputada nacionalista, preguntándolle ao representante do actual goberno se está previsto "estabelecer algunha medida para aumentar a presenza do galego nos medios".

    Na súa resposta, o secretario xeral de Comunicación defendeu que ese "cambio" respecto do modelo anterior si se producira e subliñou ao fío os criterios de "transparencia" que segundo el substituíron a "opacidade" característica da etapa previa. Salgado destacou tamén que existise agora unha liña específica de axudas para medios exclusivamente en galego e sinalou, en referencia ao diario Galicia Hoxe, do Grupo Correo, que "cada exemplar escrito en galego recibe máis de cincuenta veces o que recibe calquera exemplar dunha publicación en español". "É ademais o segundo que máis recursos recibe, malia que a súa difusión é moito menor ca o resto", engadiu Salgado. Con todo, o secretario xeral indicou que o único espazo de manobra do Goberno estaría no ámbito dos medios que precisan de licenza, en radio e televisión, e onde garantiu que o uso da lingua propia supón "un compromiso que é e seguirá sendo esixíbel".

    Sen compromisos fronte á precariedade
    "É un obxectivo que poderiamos estudar, pero hai que recordar que hai moitos outros factores de influencia", indicou o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, ao respecto da suxestión realizada polo Bloque de que, ademais de ao uso da lingua, as axudas aos medios vaian vencelladas "á erradicación da precariedade laboral". A deputada nacionalista recordou que o Colexio de Xornalistas e o Sindicato de Xornalistas de Galicia fixeron en máis dunha ocasión propostas para a introdución de mecanismos de control neste sentido. Modesta Riobó insistiu en que as axudas públicas deberan "ligarse á consecución deste tipo de obxectivos". Na súa resposta, o propio Salgado admitiu que os estudos que manexa a Xunta sinalan que os índices de precariedade laboral superan o 50% na profesión xornalística, moi por riba da media do 30% entre os traballadores do país.


    4,6/5 (10 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: