As subvencións por utilización da lingua en medios de comunicación chegan este luns ao debate no Parlamento.
Moitos profesionais da información "seguen sen ser libres para informar en galego, debido a políticas empresariais que obrigan a informar en castelán e malia que o galego e a lingua dos traballadores e da maioría da súa audiencia". Fronte a esa situación dáse o paradoxo de que a Xunta estabelece axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas coa presunta fin de estimular ese uso da lingua.
Diante dese escenario, Modesta Riobó, deputada do BNG, leva este luns á comisión Institucional do Parlamento unha pregunta onde se lle pide á Xunta que se pronuncie sobre esta situación. A interpelación fai referencia ademais á precariedade laboral "habitual nas empresas de comunicación" e insta o Goberno a dicir se ten previsto algún tipo de iniciativa para frear situacións e "abusos" que, recollendo a propia denuncia do Sindicato de Xornalistas de Galicia ao respecto, constitúen "un perigo para a democracia".