A coordinadora aposta pola consolidación organizativa e a planificación estratéxica.
A Coordinadora Galega de ONGD ratificou esta fin de semana na súa Asemblea Xeral Ordinaria a composición da súa xunta directiva. Á súa fronte repetirá dous anos máis como presidente Xosé María Torres Bouza, de Farmamundi. Continúan tamén o vicepresidente, Xosé Luís Presedo Díaz (Entreculturas); o secretario, Fidel Martín Rocha (Cruz Vermella), e a tesoureira, Estela Mouriño Senande (Unicef). O seu obxectivo para este ano é consolidar unha base organizativa clara e abrir un proceso de planificación estratéxica.
Na asemblea, que tivo lugar o sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns, aprobáronse, tamén, o plan de traballo, as liñas estratéxicas e os orzamentos para 2008/2009, amais dunha resolución de transparencia e boas prácticas das ONG para o desenvolvemento, co compromiso de facer públicas as súas memorias económicas anuais a través da Coordinadora. Tamén se incorporaron o sábado dous novos membros: Coopera e Paz y Desarrollo, co que a Coordinadora Galega de ONGD está formada xa por corenta e sete organizacións.