A Coordinadora Galega de Oenegués para o Desenvolvemento vén de presentar no Parlamento un total de seis propostas para incluír na reforma do Estatuto de Galiza. Trátase dun documento consensuado por todas as oenegués membros e que procura que nos títulos que regulen o comercio e os dereitos dos consumidores, se inclúan artigos nos que se fixe o compromiso de promover relacións comerciais baseadas na ética e na xustiza social, promovendo a comercialización de produtos producidos en condicións de respecto aos Dereitos Humanos.
Na presentación destas propostas, o presidente da Coordinadora, Xosé María Torres Bouza, destacou a necesidade de que se recolla o compromiso financeiro para o ano 2015, incluíndo nos orzamentos xerais o mínimo do 0,7 en concepto de Axuda Oficial ao Desenvolvemento, e que na actualidade, atopase perto do 0,07%.
Torres Bouza destacou nesta liña o compromiso asumido no ano 2000 na sede de Nacións Unidas, por 196 xefes de estado cando asinaron a Declaración do Milenio, na que se recollen os Oitos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que describen as metas concretas para erradicar a pobreza e a fame no mundo de cara o ano 2015.