Xunta, goberno central, Concello da Coruña, comerciantes, artistas e escritores unen os seus esforzo para lograr a declaración da Unesco.
O Comité de Patrimonio Mundial da Unesco reunirase en xuño de 2009 en Sevilla para elixir, os novos bens materiais que serán considerados Patrimonio da Humanidade, entre as 45 candidaturas seleccionadas en todo o planeta, entre elas a Torre de Hércules. Será o derradeiro metro dunha carreira de obstáculos iniciada hai meses e da que resta máis dun ano, e na que será fundamental o apoio conxunto de todas as institucións, así como dos axentes culturais e cidadáns.
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, manifestou a súa alegría pola designación da Torre como finalista e salientou que "cada institución nu seu campo está realizando un traballo completo". Por exemplo, no caso da Xunta a difusión corre a cargo da Dirección Xeral de Turismo, mentres que a Dirección Xeral de Patrimonio céntrase en asegurar o proxecto de conservación e en preparar a documentación técnica ante a inspección que realizará a Unesco nos vindeiros meses.
Tamén os cidadáns da Coruña mobilizaranse en apoio da Torre. O Instituto de Estudos Torre de Hércules promoverá unha cadea humana na que centos de persoas daranse a man dende a praza de María Pita até a Torre para conseguir finalmente rodear o faro.
Xira de Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo
Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo percorrerán os faros da costa coruñesa: Fisterra, Touriñán, Cabo Vilán, Punta Nariga e Torre de Hércules, na xira Luces do Atlantico, unha "homenaxe ao mundo do mar" composta de cancións e poemas, e que se pechará na propia Torre de Hércules. Ademais, a Autoridade Portuaria realizará outras actividades, como por exemplo unha exposición en Cabo Vilán de debuxos dos libros pertencentes á colección O porto e as letras, obra dos ilustradores Antonio Simón e Maria Braxe. Finalmente tamén se distribuirán os libros O Desafio das Ondas, de poemas, e Mascarón Azul, de relatos, nos que colaboraron autores como Méndez Ferrín, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Rivas, Yolanda Castaño e Emma Cruceiro.
Chamamento aos cidadáns da Coruña
O Concello da Coruña chama aos habitantes da cidade a apoiar a candidatura, pois xúlgase que o "apoio popular" é determinante para obter a declaración. Este xoves o alcalde Javier Losada anunciou que dende o concello impulsaranse "actos masivos nos que quede patente que a Torre é a seña de identidade de todos os coruñeses". Porén, Losada dixo non querer detallar os actos nin as súas datas de celebración, pois afirmou querer priorizar "el impacto do factor sorpresa", aínda que adiantou que serán "espectaculares, e impactarán o mundo enteiro pola súa capacidade tecnolóxica".
Así mesmo, os comerciantes da Área Obelisco presentaron unha campaña na que se repartirán mil autocolantes de 15 por 15 centímetros entre os seus asociados e os clientes que o soliciten en apoio á candidatura. Por outra banda, Radio Nacional de España emitirá este venres o seu programa España Directo (a partir das doce do mediodía) dende unha carpa que se instalará ao pé da Torre de Hércules na Coruña, nunha mostra de apoio á candidatura para ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.