Esta fin de semana comezarán as probas en Verducido, onde se decidirá o pase doutros palistas do país, entre eles unha muller, Ana Varela.
O K-2 do palista galego Carlos Pérez Rial, e o catalán Saúl Craviotto superaron a primeira proba posta pola Federación Española de Piragüismo para participar nos Campionatos Europeos que se han desenvolver en Milán en maio.
Os dous mozos superaron ao K-2 de Fran Llera e Damián Vindel nun control sobre 500 metros da selección española. Hai que lembrar a importancia que ten para todos os palistas do Estado poder entrar no equipo para os Europeos, posto que alí se van repartir os últimos pasaportes para poder participar nas Olimpiadas de Beixín 2008.
Aínda que Llera e Vindel foron vencidos en K-2, aínda van participar noutra selección, en K-4 1.000 metros, acompañados, precisamente, de Pérez Rial e Craviotto.
Nova selección, esta fin de semana en Pontevedra
Os seguintes tests selectivos, segundo informaba esta cuarta feira Vieiros, hanse desenvolver esta fin de semana na pista de Verducido, Pontevedra. Alí xóganse o pase aos Europeos os palistas galegos Ana Varela (K-1 500 metros); Jovino Gonzalez (K-1 1.000 metros); Borja Prieto (K-1 1.000 metros); José Luis Bouza e Daniel Costa (C-2 1.000 metros), David Mascato e Alfredo Bea (C-2 1.000 metros); José Manuel Sanchez e Damián Ramos (C-2 1.000 metros); e Miguel Rodriguez Galbán e André Oliveira (C-2 1.000 metros).
Pola praza en C-2 500 metros ha loitar tamén o galego Tono Campos, acompañando a David Mascato no canto de Alfredo Bea.
Nun día aínda por determinar tamén se ha seleccionar o equipo español de K-4 1.000 metros, onde, ademais de Pérez Rial, han estar Iván Alonso, Roberto Rodriguez Lechuga, Diego Piña y Victor Rodríguez, todos eles do Kayak Tudense.