Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Jadiya Hamdi, ministra de Cultura da República Saharauí

"A nosa identidade estase a perder por culpa da 'marroquinización'"

Leva dúas semanas no cargo e anda estes días polo país. A semana pasada, en Pontevedra, e este luns en Compostela, convidada pola USC. Vieiros conversou con ela.

Fernando Arrizado / Lucía Iglesias (vídeo) - 18:53 03/03/2008

A ministra de Cultura da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Jadiya Hamdi (Farsia, 1959), chega ao reitorado de Fonseca acompañada de Fatma Mohamed Salem, delegada da Fronte Polisario en Galiza, e de varios representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A institución académica improvisou no último momento unha doazón de dous computadores portátiles -os dous primeiros do ministerio-, malia as trabas administrativas, e anunciou que esta semana comezará unha campaña para a recollida de instrumentos musicais.

Esta axuda -demandada pola delegación saharauí- que pode resultar cativa, é moi importante para eles, segundo aclarou Hamdi. A USC é sede dende 1999 dun observatorio para o referendo do Sáhara Occidental; colabora no territorio coa ONGD galega Enxeñería sen Fronteiras; e facilita a participación de representantes saharauís en palestras internacionais.

No entanto, o número de estudantes con bolsas na USC é pouco significativo. O pasado ano un alumno saharauí licenciouse en Medicina, completando o mesmo número de créditos que os seus compañeiros galegos. Educacionalmente, é o goberno de Cuba, xunto con Alxeria, quen máis axuda na formación da mocidade do Sáhara Occidental, afirma Jadiya Hamdi, o que ademais lles proporciona a posibilidade de manter unha segunda lingua, o español.

É neste idioma en que transcorre a charla coa ministra, axudada por Salem en non máis dun par de ocasións.

Vieiros
: Cal é a situación actual no Sáhara Occidental?

Jadiya Hamdi: É difícil porque non hai posibilidade de que o pobo saharauí decida, que se lle respecte o seu dereito de autodeterminación. A situación nas zonas ocupadas, baixo a crueldade marroquí, é peor cada día.

Con que apoio internacional contan? Cal é a posición do goberno español?

A nivel político, a maioría dos países das Nacións Unidas non son contrarios á autodeterminación: Mais precisamos unha posición clara do goberno español, o recoñecemento directo deste dereito. A nivel humanitario hai unha grande solidariedade internacional co pobo saharauí. Todos os pobos de España xogan un papel moi importante para axudarnos en todos os sentidos.

Quero agradecerlle especialmente ao pobo galego o apoio á causa saharauí, moi grande e moi interesante a todos os niveis, tanto político como humanitario: o que fan os concellos de Galiza, as asociacións de solidariedade de todas as rexións galegas, o papel das familias de acollida en vacacións de paz ... Todo é moi importante para axudar a mellorar as condicións dos saharauís nos campos de refuxiados.

Durante a conferencia de prensa, falaba vostede do importante que é recuperar e conservar a tradición oral do seu pobo para que este non perda a identidade. Este é un proceso similar ao que acontece en Galiza.

O pobo galego ten o seu patrimonio, ten o seu idioma, a súa historia ... que cómpre protexer. Nós vivimos a mesma experiencia, a pesar das condicións, porque o que vive o pobo saharauí é unha situación de colonialismo por parte do goberno de Marrocos. Vivimos un xenocidio case total a nivel cultural, a nivel humano e a nivel militar.

A nosa loita é unha loita a todos os niveis: defender o noso dereito á liberdade coma todos os pobos do mundo, mais tamén a nosa identidade, os nosos persoeiros ... é un deber do Ministerio de Cultura. Para min é un desafío actuar neste eido. Como podemos recoller este patrimonio, que podemos facer para protexer a cultura que se perde co tempo e por mor da presión marroquí.

Os costumes saharauís pérdense co tempo; a vestimenta tradicional, o xeito de comer, de falar, a poesía, ... moitas cousas. Eu creo na diferenza. Respecto a cultura de Marrocos, que é moi rica como africana, árabe, bérber que é. Mais ese non é un motivo para destruír a cultura saharauí, a través dun proceso total de marroquinización do Sáhara Occidental.

Destruír a cultura dun pobo é o xeito máis efectivo de acabar con ese pobo, non si?

Claro, quitarlle as súas raíces, a súa identidade ... Por iso para min é moi importante volver ás raíces. Comezamos polos campamentos de refuxiados, a través dunha interlocución entre os mozos e os anciáns. Mais tamén nas zonas ocupadas, malia que aquí calquera actividade é moi difícil porque hai unha resposta das forzas policiais de Marrocos. Mais ímolo facer, porque nas zonas ocupadas hai moita xente que garda os costumes, a historia ... Hai unha acción dos activistas e da Intifada cotiá. Nós imos entrar tamén nesta terceira fronte cultural.

(Intervén Fatma Mohamed Salem)

Ademais da ocupación marroquí que nos quitou parte do noso territorio e ademais das torturas aos nosos compañeiros activistas e da violación dos dereitos humanos, tamén nos están a roubar a nosa identidade cultural. Absorberon -son 32 anos informándose- as nosas tradicións. Están a preparar un festival saharauí, mais en Tantan (sur de Marrocos), con todas as tradicións saharauís, jaimas, cociña, os camelos e o que levaban -porque o saharauí foi un pobo nómade- os bailes, o canto, ... E vano celebrar coa axuda da Unesco, que non debería facelo ... É un roubo e un desafío á cultura do saharauí.

A semana pasada cumpríronse 32 anos do nacemento da RASD, e este mes de maio, 35 dende que comezou a loita, coa Fronte Polisario. Cara a onde camiña o Sáhara Occidental?
Coido que a mensaxe do último congreso da Fronte Polisario estaba moi clara: A comunidade internacional debe contribuír para que se respecte o dereito do pobo saharauí. O pobo saharauí vai colaborar máis por unha solución pacífica para rematar co conflito. Mais unha vez que non podemos chegar a unha solución, o pobo vai elixir os instrumentos que mellor lle conveñan.

Volver á guerra é unha posibilidade, que non queremos, mais se estamos obrigados será unha alternativa dolorosa para nós pero non temos outro xeito. Entón, seguimos coa loita pacífica, tal e como di a Fronte Polisario, mais unha vez que a solución pacífica non chega -dígoo con grande dor- ... Os que somos máis maiores temos a experiencia de esperar, de traballar dun xeito pacífico, mais hai moitos mozos que non teñen esa experiencia.




No encontro deste luns estiveron tamén presentes: Santiago Jiménez, profesor de Historia Medieval da USC; o responsábel do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier Agrafojo, o vicepresidente da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Emilio Portela Bouzas; e mais o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto.

A pasada quinta feira, Jadiya Hamdi ofreceu unha palestra no salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o título 'O Sáhara hoxe', dentro do foro 'Conversas con: O Sáhara, 30 anos despois', organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, en colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e co concello da cidade.


Ligazóns

4,92/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: