Logrou o 53,36% dos votos, fronte ao 46,64% do seu rival, o conservador Ioannis Kassoulides. O actual presidente quedou descartado na primeira volta.
O candidato comunista Dimitris Christofias gañou este domingo as eleccións á presidencia de Chipre cun 53,36% dos votos, namentres que o seu rival, o eurodiputado conservador Ioannis Kassoulides obtivo o 46,64%.
Christofias era, até o de agora, presidente do parlamento. Por primeira vez na historia do país, un candidato comunista convértese en presidente de Chipre. Ademais, é o único presidente comunista da Unión Europea.
Os chipriotas, ao igual que na primeira volta das eleccións do pasado 17 de febreiro, achegáronse masivamente ás urnas para elixiren o sexto presidente dun país dividido dende que o exército turco invadira o seu terzo norte en 1974.
Christofias é tamén secretario xeral do partido comunista AKEL e mantén estreitos lazos cos turcochipriotas esquerdistas. Sucederá na presidencia a Tassos Papadopulos, presidente dende 2003 e que foi eliminado na primeira volta dos comicios.
Reunificación da illa
Tanto Christofias coma Kassoulides prometeran retomar as postergadas negociacións para a reunificación da illa. No seu discurso de recoñecemento da derrota, o líder conservador prometeu apoiar as xestións do novo presidente para solucionar as tres décadas de partición de Chipre.
A reunificación entre o sur grecochipriota e o norte turcochipriota eliminaría un dos últimos obstáculos para que Turquía se integre na UE, e mitigaría por outra banda as obxeccións á independencia de Cosova entre os grecochipriotas, que temen que represente un precedente para o norte de Chipre.