Un total de 324.388 galegos no exterior poderán votar o 9M, case 20 mil máis que hai catro anos.
Pontevedra rexistrou nestes catro anos o maior aumento de rexistros no Censo de Residentes Ausentes, o CERA, con 6.260 electores máis. Na Coruña a cifra aumentou en 4.470 emigrantes, e Ourense e Lugo repártense incrementos respectivos de 3.878 e 3.445. Foran en total en Galiza e en 2004 un total de 306.335 cidadáns que viven fóra do país os que tiñan dereito a votar nos comicios xerais, e a suma increméntase en 2008 até as 324.388 persoas, un 5,57% máis.
Por países, Arxentina é o que conta con máis galegos con dereito a voto, cun total de 116.229, de xeito que en número de electores Bos Aires só se vería superada por Vigo, A Coruña e Ourense. A continuación, Venezuela achega 33.019 votantes, Brasil 29.049, Suíza 29.189e Uruguai 28.286.
Só o BNG non ten viaxes ao exterior en axenda
Aínda que PPdeG, PSdeG e BNG coinciden en que o voto emigrante non será "determinante" para o resultado final, só a formación nacionalista "non ten na súa axenda" ningunha visita ao exterior. No outro extremo, tanto PSOE como PP contaron cos residentes ausentes para planificar a precampaña electoral.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, viaxou a Brasil xa a mediados do mes de xaneiro e este mesmo luns volveu doutra visita de cinco días a Venezuela e México. A semana que vén volve coller o avión, desta volta con destino en Arxentina e Uruguai. Outro popular á procura do voto emigrante é o deputado ourensán Celso Delgado, que irá proximamente a Suíza e Alemaña.
Por parte do PSdeG, as deputadas Marisol Soneira e Laura Seara viaxaron en xaneiro a Venezuela, Brasil, Arxentina e Uruguai. Tamén viaxou recentemente á outra beira do Atlántico o presidente da Deputación da Coruña, o socialista Salvador Fernández Moreda, visita que desde o PP cualifican de "claramente electoralista", malia que desde o PSOE aseguran que "non tivo ningún mitin coas siglas do partido" e lembran que era os populares os "afeitos a solapar actos electoralistas con actuacións institucionais".
Ao respecto, desde o BNG, o coordinador da executiva da formación, Francisco Jorquera, opina que PPdeG e PSdeG tratan os residentes ausentes como "reservistas de voto" porque son "doadamente manipulábeis". Sobre o mesmo tema, Jorquera considera que populares e socialistas están freando as reformas lexislativas necesarias ao respecto do voto emigrante e "perpetúan unha anormalidade democrática que pode poñer en risco a garantía do proceso electoral".