Rubén Cela deu a coñecer o programa do evento, que contará coa participación de persoas con discapacidade. Ademais, repartiranse memorias USB co sistema operativo GNU/Linux en galego.
Rubén Cela, no acto de presentación, co robot RATO
A novena edición do encontro informático Xuventude Galiza Net, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, volverá incidir no potenciamento do software libre e da nosa lingua, e, como novidade, ofrecerá demostracións de robótica e integrará maiores e persoas con discapacidade. Segundo explicou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, asistirán máis de 1.500 persoas.
Ademais de presentar os últimos avances tecnolóxicos, de fomentar as relacións entre a mocidade interesada na informática e de achegala ao mundo profesional, o encontro servirá tamén para desenvolver a creatividade en temas como programación, deseño ou multimedia.
Dez mozos con algún tipo de discapacidade participarán activamente na intranet de Xuventude Galiza Net, grazas á colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. Ademais, haberá un espazo dedicado ás persoas maiores, con actividades específicas deseñadas para eles, como xa acontecera o ano pasado.
A robótica terá tamén un espazo destacado, coa presentación do robot RATO, creado pola Universidade de Vigo, e que guiará os grupos de visitantes polo recinto. Rubén Cela dixo que este ano se seguirá coa liña iniciada en edicións anteriores de potenciar o software libre e o uso do galego para "normalizar o emprego do idioma entre a mocidade e vencellar o seu uso ao ámbito vangardista das novas tecnoloxías".
Por primeira vez, entregaráselles aos participantes unha memoria USB que incluirá unha versión do sistema operativo GNU/Linux en galego, con utilidades como o OpenOffice. A idea é que os computadores poidan arrincar directamente dende o dispositivo o sistema operativo libre.
O encontro durará tres días e contará con máis de 40 concursos de todo tipo, máis actividades lúdicas. Na parte formativa, desenvolveranse conferencias sobre TDT, software libre e robótica. Haberá, ademais, obradoiros de modificación creativa de caixas de computador e do software libre e as súas saídas profesionais.
O encontro arrancará o venres 14 de marzo a primeira hora da tarde e pecharase o domingo 16. Será, un ano máis, no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela.