Un día despois da detención de tres presuntos terroristas que planeaban asasinar o seu debuxante.
A polémica caricatura
Os principais diarios de Dinamarca volven a publicar esta cuarta feira a polémica caricatura de Mafoma en que leva unha bomba no turbante, un día despois da detención de tres presuntos terroristas que planeaban asasinar o seu debuxante, o veterano Kurt Westergaard.
A prensa danesa reaccionou así ante o que considera un intento de atentado contra a liberdade de expresión e celebra a acción preventiva dos servizos de intelixencia do estado, que capturaron os tres homes, dous tunisianos e un danés de orixe marroquí, na localidade de Aarhus.
O rotativo Jyllands Posten, que publicou as caricaturas hai case tres anos e para o que traballa Westergaard, sinala no seu editorial que "o aspecto grotesco das numerosas confrontacións entre o mundo libre occidental e as forzas islámicas antidemocráticas estriba en que o seu contido é ridículo".
"Entre as perspectivas mais sombrías figura que a 'crise de Mafoma' será utilizada como desculpa para numerosas iniciativas máis ou menos radicais e para outros plans de asasinato ou atentado", engade o artigo.
Detencións
Segundo informou o xefe dos servizos secretos daneses, Jakob Scharf, o danés de orixe marroquí é sospeitoso de violar as leis contra o terrorismo, aínda que probabelmente será posto en liberdade tras prestar declaración, mentres os seus dous cómplices serán expulsados do país.
Scharf dixo que as detencións tiveron carácter "preventivo" e efectuáronse cando os presuntos terroristas estaban "na fase inicial" dos preparativos para atentar contra Westergaard, un dos 12 debuxantes que caricaturizaron a Mafoma.
Integración na sociedade
O caricaturista, de 73 anos, e a súa esposa Gitte, de 66 anos, levan meses baixo protección policial. O propio afectado sinalou este martes en declaracións ao diario que as forzas de seguridade o puxeron ao corrente dos plans que existían contra el, aínda que máis que temor sentiu "ira" e "indignación".
O Islam considera unha ofensa a representación en imaxes do profeta Mafoma. O Jyllands Posten" defendera a primeira publicación das caricaturas argumentando que os musulmáns teñen se que afacer, como o resto dos membros da sociedade, a seren obxecto de burlas e a seren ridiculizados.