O ex senador demócrata de Carolina do Norte retírase da campaña electoral, segundo confirmou a CNN, aínda que non o fará oficial até esta cuarta feira.
John Edwards, o ex senador de Carolina do Norte, vai anunciar esta cuarta feira que se retira da campaña electoral, segundo confirmou a cadea de televisión CNN, que informou no entanto que o candidato vai facer o anuncio oficial en Nova Orleáns.
Ademais, segundo informa The New York Times, citando conselleiros próximos a Edwards, este non se vai integrar en ningunha das dúas listas dos seus rivais no Partido Demócrata.
Ben Hillary Clinton, ben Barack Obama, xa que logo, será o encargado ou encargada de liderar aos seus na carreira presidencial que os enfronta á outra grande formación estadounidense, o Partido Republicano.
Edwards acumulara 26 delegados até o de agora, aínda que non gañou o caucus de ningún estado. Actualmente, Obama lidera a campaña demócrata en canto a número de delegados, con 63, seguido por Clinton con 48, aínda que foi primeira en máis estados.