Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Joshua MacCarey, actor

"Para min falar galego non é poñer unha máscara, senón expandir as miñas fronteiras de comunicación"

O artista estadounidense está a representar estes días a obra Fiando o Caos, xunto a compañía de danza A Mercé das Cirkun Stanzias

Lucía Iglesias - 09:00 28/01/2008

Anda a voltas co último espectáculo da compañía a Mercé das Cirkun Stanzias, asiste a clase, porque unha das cousas que máis lle interesa é seguir aprendendo, e está a preparar novos espectáculos. A súa axenda parece que bota lume, pero aínda así, Joshua MacCarey sacou un par de minutos para comentarnos, en perfecto galego, as súas impresións sobre Galiza e a nosa cultura.

Teño entendido que naciches nos Estados Unidos, como chegaches a Galiza?

Si, con 22 anos licencieime en Boston, era moi novo e o ser ignorante e inxenuo permitiume ser audaz. Estaba a buscar as circunstancias idóneas para completar a miña formación e aprender, e en Boston non sentía que fose así. Vivía nunha sociedade capitalista e opresiva, e necesitaba máis tempo para medrar e outro ambiente.

Durante a miña vida visitei moitos lugares, Holanda, Reino Unido, Barcelona, pero nunca pasara por Galiza. Ese foi o toque que me impulsou a vir até aquí, a maxia e o misterio que me provocaba. Quería comezar nun sitio novo sen ningún tipo de prexuízo.

E unha vez aquí, por que decidiches quedar?

Gústame moito porque me lembra á miña terra natal. A pesar de que nacín na cidade, tamén me criei nas montañas, no rural e sempre estiven en contacto co Atlántico. Ademais diso, dende que cheguei sentín unha grande sensación de familiaridade e quedei sobre todo porque a xente galega trátame moi ben. Os galegos teñen no interior un sentimento de acollida aos estranxeiros debido sobre todo á tradición emigrante que viviu o país ao longo da historia.

Estás a falar un perfecto galego, gustábache a idea de aprender o idioma o foi máis ben consecuencia do noso sistema cultural?

Cando cheguei pareceume moi divertido aprender un novo idioma, é moi importante seguir aprendendo na vida, e penso que as palabras galegas son vehículos que van construíndo a miña perspectiva sobre as persoas, dependendo da maneira en que me falen vou coñecendo un pouquiño máis á xente coa que me relaciono. Tamén sinto a arela de explorar outras facetas en min. Para min falar galego non é poñer unha máscara, senón expandir as miñas fronteiras de comunicación. Aprendín galego para crear as circunstancias para que poidamos comprendernos.

Levas xa algúns anos aquí, que opinión che merece o noso panorama cultural?

Teño que tomar neste caso unha postura humilde. Aínda me queda moito por ler e saber, pero teño visto bastantes obras teatrais en Galiza. Gústanme sobre todo as pezas de Kiko Cadaval, que está xirando polos teatros con Noite de Reis, e tamén as pezas para nenos de Tarará Chis Pun.

Penso que a arte nos fai máis grandes, e non ten nacionalidade. Galiza debería seguir abrindo portas para facer que a arte sexa máis rica e seguir acollendo a artistas de todo o mundo, como é o meu caso, para poder sacar fóra das súas fronteiras a cultura, e ampliala coas tradicións dos demais países.

Hai que traballar moito pola cultura galega, e non ter medo aos tópicos, hai que enfrontarse a eles, como facemos en A Mercé das Cirkun Stanzias, en Fiando o Caos. Nesta obra enfrontámonos a ideas tradicionais como o polbo ou as meigas, hai que darlles unha volta para que adquiran un novo significado, e así continuar abrindo portas.

Agora estás a participar nun proxecto de danza, xunto a Mercé de Rande, aínda que tradicionalmente te dedicaches máis ao teatro e á interpretación, como é a experiencia? con que te quedas de cada modalidade?

É moi interesante afrontar a interpretación dende o punto de vista da danza. Vou asimilándoo pouco a pouco, pero o que máis me gusta son os paralelismos existentes entre as dúas modalidades. Convén que un actor saiba bailar e tamén convén que un bailarín saiba interpretar. É moi importante traballar coa articulación do corpo, a ocupación dos espazos, para plasmar os sentimentos. Tanto os actores coma os bailaríns traballan con premisas físicas, o contido pode ser o mesmo, pero a diferencia está nas formas.

Un actor ten que vivir a historia, abordar a totalidade do personaxe, mentres que o bailarín ten que ser a historia, abordar a totalidade da historia, e ten que buscar símbolos para facerse comprender. Malia isto, o fin é o mesmo, o obxectivo último é o de suscitar emocións no espectador, chegar ao seu interior e facer que relacione o espectáculo que está a ver coas súas propias experiencias vividas.

Levas xa catro anos en Galiza, e agora que? que proxectos de futuro tes?

Neste momento a compañía a Mercé das Cirkun Stanzias estamos a preparar un novo espectáculo que poderá verse no verán. Trátase de Zocas, unha obra multidisciplinar na que se combina a danza contemporánea coa danza galega máis tradicional. Tamén haberá música en directo, con zanfonas e poderase ver o traballo dun zoqueiro.

Unha das poucas cousas que teño claras neste momento é que vou quedar en Galiza. Nesta terra atopei unha casa e unha familia (que paradoxicamente é arxentina e romanesa). Penso que aquí atopamos o noso niño, e aínda que probablemente siga viaxando para continuar coa miña formación, sempre voltarei á casa.




5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Joshua MacCarey en 'Fiando o Caos'
Joshua MacCarey en 'Fiando o Caos'
O actor estadounidense xunto a Pajarito nun momento do espectáculo
O actor estadounidense xunto a Pajarito nun momento do espectáculo