A bailarina e coreógrafa, en colaboración coa Sala Nasa, achega a Compostela o seu último traballo, no que fusiona a danza co teatro e co vídeo.
Danza, pero tamén teatro físico e instalación audiovisual, é o que nos trae a compañía A Mercé das Cirkun Stanzias no seu último espectáculo. Fiando o Caos trata de acadar unha multidisciplinariedade que vén propiciada en parte pola diversidade dos intérpretes da compañía, procedentes dos ámbitos artísticos máis variados. A obra poderá verse na compostelá Sala Nasa do 24 de xaneiro até o 2 de febreiro.
Con esta composición, Mercé de Rande demostra a riqueza da interdisciplinariedade artística, baseada nos impulsos cruzados dun grupo heteroxéneo de creadores entre os que se atopan membros procedentes do clown, como é o caso de Natalia Outeiro “Pajarito”; outros máis relacionados coa interpretación e do teatro, como Joshua MacCarey; ou expertos no mundo da videocreación, neste caso, Xosel Díaz, que participa en directo na composición dun vídeo que se proxecta durante a representación da danza, formando así parte do espectáculo.
O caos e a desorde mundial son os temas fundamentais da composición, pasando sempre pola abstracción propia da danza e da música. Mediante os movementos dos artistas e as imaxes procedentes do vídeo, a montaxe tenta representar o caos que está a incidir no clima e na natureza modificando o seu comportamento, que inflúe tamén na identidade e na cultura dos pobos. Realizase esta visión partindo da situación de Galiza, unha das zonas máis castigadas en canto a catástrofes naturais, para extrapolalo ao resto do mundo.