A concelleira Diana Otero pide medidas contra as bitácoras, un ano despois de que se presentasen denuncias contra bitácoras do Salnés.
Portada de 'Cousas do Grove', blog denunciado hai un ano polo PP
O Partido Popular do Grove volveu arremeter contra os blogueiros. Un ano despois de ter emprendido unha acción xudicial contra dúas bitácoras da localidade e mais de Cambados por considerar ofensivos os seus contidos, a concelleira popular Diana Otero sacou á palestra unha proposta de regulación. A edil pide que se constitúa un rexistro para os editores de blogs onde se recolla o seu documento de identidade para que se poidan facer responsábeis dos seus contidos.
Segundo Diana Otero, así evitarase que os blogueiros queden "impunes" e poidan ser denunciados polas "vítimas". Ademais, o PP grovense cualificou de "covarde" a actitude dos editores dos blogs "e plataformas informáticas de linchamento das persoas que non pensan igual ca eles". O blogomillo xa está a reaccionar contra esta proposta, por considerar que recorta a liberdade de expresión na rede.