Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA AO SEÑOR X, AUTOR DO BLOG 'COUSAS DE CAMBADOS'

"O PP quere saber quen está detrás a todo custo"

O Señor X é o responsábel do blog Cousas de Cambados, no que se fai unha crónica política do concello en clave de humor. A bitácora púxose de actualidade hai uns días cando presentaron unha denuncia contra el o alcalde cambadés, Xosé Manuel Cores Tourís; a primeira tenente de alcalde, Rosa Oubiña; o concelleiro de Obras, Xosé Antonio Domínguez, e o de Medio Ambiente, Luís Aragunde, aos que se sumou días despois o sarxento da Policía Local, Xosé Manuel Duarte. Pero o Señor X segue adiante.

- 11:58 14/02/2007
Tags:

Como soubo das denuncias?
Souben dela pola prensa, cando uns xornalistas me mandaron un e-mail preguntándome por unhas supostas denuncias. Eu quedei alucinado. Está claro que o PP quere saber quen está detrás a todo custo, inclusive da liberdade de expresión. Ademais, non quere que os veciños critiquen libremente e sen censura o goberno local. Ou é que teñen medo de que saía á luz pública algo que non queren?

E de que xeito está a vivir actualmente esta situación?
Estou á expectativa do que poida pasar, cun pouco de nerviosismo. Non entendo por que se sumou o sarxento da Policía Local ás denuncias dos catro concelleiros, xa que días atrás dixo que ía quedar á marxe.

Recibiu o apoio doutros blogueiros?
Si, chegáronme mensaxes de apoio de todos os blogueiros de España: Madrid, Valencia, Euskadi, Barcelona, Aragón, Zaragoza, Sevilla, Móstoles... á parte de todos os recunchos de Galiza. Inclusive dun blog do PP, que a vez recrimínalles aos políticos de Cambados e do Grove que denuncien senllos blogs.

E como foi a reacción dos medios de comunicación?
Algúns medios non lle deron cobertura á noticia, outros poñían uns titulares e informacións que para o meu ver eran un pouco polémicos: "Reta a la policía a que lo identifiquen", "El alcalde aparecía esposado y rodeado de policías", "Los relaciona con un supuesto delito urbanístico". Nunha montaxe cada un ve o que quere ver: dunha imaxe dun maletín cheo de cartos co nome dun sitio, como sacan tal conclusión? A revista El Jueves publicou unha fotomontaxe de Mariano (Rajoy) arrestado por dous policías. Non se armou semellante escándalo, nin creo que a Rajoy se lle pase pola cabeza denuncialos.

Como é a súa relación co responsábel do blog ogrobe.blogspot.com, que tamén foi denunciado?
Escribímonos algúns e-mails de vez en cando, como uns blogueiros máis. Ten todo o meu apoio.

Teñen pensado facer algún acto de protesta?
Eu teño pensado facer unhas camisetas que xa deseñei. Só falta facerllas chegar á xente.

Despois de que presentasen a denuncia contra vostede, cambiou en algo o seu xeito de bloguear?
Para nada, eu sigo poñendo fotomontaxes, aínda que baixei o ritmo de antes, debido ao rebumbio das últimas semanas.


3,5/5 (2 votos)