Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Guerra aberta de Israel contra Palestina

O exército israelí asasinou 30 palestinos nos últimos tres días

Outros nove palestinos morreron esta quinta feira tras un ataque aéreo sobre Gaza, declarada "entidade hostil" polo goberno israelí tras a chegada ao poder de Hamas.

Redacción - 13:53 18/01/2008
Palestinos lanzan pedras a soldados israelís

Palestinos lanzan pedras a soldados israelís

Israel mantén a presión sobre a franxa de Gaza con ataques aéreos, que mataron nove cidadáns palestinos e feriron un neno, e co peche dos pasos fronteirizos con ese territorio, en represalia polo lanzamento de varios proxectís que non causaron vítimas.

O primeiro ministro israelí, Ehud Olmert anunciou que o seu país proseguiría os seus ataques contra a franxa de Gaza, declarada "entidade hostil" tras a chegada ao poder de Hamas, en xuño pasado.

"No sur de Israel hai unha guerra en curso, e faremos todo o posíbel para pórlles fin a estes disparos inaceptábeis (...) Imos seguir loitando sen piedade contra Hamas, a Yihad e todos os nosos inimigos", declarou. "Esforzarémonos por non causar vítimas civís", engadiu.

"As incursións e a escalada militar de Israel teñen como fin deteriorar as negociacións de paz israelí-palestinas", declarou Nabil Abu Rudeina, portavoz da presidencia palestina, quen pediu a intervención de Estados Unidos.

Dende o pasado martes, máis de 30 palestinos perderon a vida en operacións do exército israelí en Gaza. EUA pediulle a Israel que evite "na medida do posíbel" as vítimas civís.

Ban Ki-Moon, "preocupado"
O secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, dixo estar "profundamente preocupado" pola violencia nos territorios palestinos e en Israel, polo que exhortou ás forzas israelís a "se conteren ao máximo" e aos palestinos a terminaren co lanzamento de proxectís.


1/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: