Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
A 18 QUILOMETROS DE ROSARIO

Policías que extorsionaron un turista español non van ao cárcere

A Xustiza arxentina ordenou liberar aos axentes da Patrulla de Camiños investigados por extorsionar, privar da liberdade e roubar a un cidadán español nunha estación de peaxe.

Débora Campos - 17:11 15/01/2008

Os oito policías da provincia arxentina de Santa Fe acusados de extorsionar, privar da liberdade e roubar pertenzas a dous turistas, entre eles un español, na cidade de Rosario, foron liberados pola Xustiza e permanecerán nesa condición até ser indagados. A xuíza de Instrución 6 de Rosario, Raquel Cosgaya, ordenou liberar aos acusados até tanto os chame a indagatoria e resolva as súas situacións.

O turista español chegara de visita a Bos Aires facía unha semana. O seu curmán invitouno a coñecer Rosario, onde tiña que viaxar por razóns de traballo. A idea pareceulle fantástica. Pero cando chegaron en auto á peaxe de Xeral Lagos, a 18 quilómetros da cidade, policías da Patrulla de Camiños ameazáronos con detelos por levar mercadorías sen documentación e obrigáronos a entregar diñeiro e a retirar euros dun caixeiro automático como coima. Tamén lles roubaron o que levaban.

O caso transcendeu: oito axentes foron detidos e dous xefes policiais, relevados. O pesadelo comezou cando cruzaron a peaxe da autoestrada Bos Aires-Rosario. Axentes da Patrulla de camiño detivéronos aí para unha inspección de rutina. Segundo o testemuño das vítimas, primeiro pedíronlles que baixasen do VW Gol no que ían, para revisalo. Logo abriron o baúl, onde atoparon produtos de barbería novos e sen documentación, que pertencían á firma para a que traballa o arxentino.

"Van necesitar 10.000 pesos, pero con 5.000 pódense ir en paz"
Aínda que o mozo, de 25 anos, intentou explicar a súa procedencia e brindar os datos da súa empresa, os policías non quedaron satisfeitos. E comezaron a ameazalos con armarlles unha causa na Xustiza federal por tenencia de mercadoría roubada.

De seguido, un dos policías ofreceulles "esquecer" todo o sucedido a cambio dunha importante suma de diñeiro, segundo informaron fontes xudiciais. "Van necesitar 10.000 pesos, pero se teñen 5.000 pódense ir en paz", dixo o axente que parecía ser o xefe do grupo.

O arxentino quixo chegar a un acordo por 700 pesos, pero foi rexeitado polo axente: "Con iso non facemos nada". Entón esixíronlle ao seu curmán unha "colaboración" en euros. Para conseguir o diñeiro, dous policías acompañáronos ata un caixeiro de Western Union, mentres o resto dos axentes seguíaos nunha patrulla.

O mozo español chamou entón aos seus familiares e pediulles que lle virasen 800 euros, que entregou aos policías. Estes tamén quedaron con toda a mercancía. Tras ser liberados, os mozos dirixíronse ao Consulado Xeral de España. Fixeron a denuncia, os policías foron arrestados, pasados a dispoñibilidade e os seus xefes, desprazados polo Ministerio de Goberno de Santa Fe.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: