Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
O DEBATE TRASPASA AS FRONTEIRAS DO ESTADO

O xornal francés 'Libération' analiza a posibilidade dunha selección galega de fútbol oficial

O diario fala das posibilidades de que as seleccións das nacións sen Estado do Estado Español poidan competir oficialmente a nivel internacional.

Redacción - 18:15 07/01/2008
O momento de asinar a Declaración de San Mamés

O momento de asinar a Declaración de San Mamés

O xornal comeza o artigo titulado "Vascos, cataláns e galegos xogan ao ataque contra a selección española" analizando se os partidos do Campionato Europeo deste ano van ser os últimos disputados por unha "selección nacional española unida", posto que "as reclamacións das comunidades de Cataluña, Galiza e Euskadi no ámbito do deporte tomaron, o 29 de decembro en Bilbao, un aquel simbólico".

A seguir o artigo, asinado por Jean-Damien Lesay, describe a chamada Declaración de San Mamés, facendo unha parada nunha súa frase: "promoverase a participación dos propios clubes e federacións no máis alto nivel de competencia, así como a plena participación das súas propias federacións nas federacións internacionais".

Mais segundo o xornal, isto da participación dos clubes incluídos na declaración deixa algunhas dúbidas: conseguirase que as ligas nacionais vasca, catalá e galega puntúen para o Europeo?, e mais, deixarán os principais clubes vascos, cataláns e galegos de participar na liga estatal para dedicarse a unha nacional? Neste sentido, para o Libération "é difícil imaxinar ao FC Barcelona, ao Athletic de Bilbao e ao Deportivo da Coruña deixar a Liga española para xogar competicións rexionais de pequena escala".

Impresionante mobilización social pola oficialidade
Pola contra, a versión web do xornal valora moi positivamente o poder de convocatoria de mobilizacións sociais pola oficialidade das seleccións nacionais de fútbol "nas tres comunidades que gozan duns estatutos de autonomía dos máis avanzados de España", e lembra os partidos xogados entre Cataluña e Euskadi, o despregue de faixas pola oficialidade nos partidos internacionais dos vascos (por exemplo, aquel partido contra Venezuela) e aquel día no que varios deputados vascos, galegos e cataláns puxeron, no Parlamento español, as camisolas das súas respectivas seleccións nacionais.

Nun último destacado pregúntanse se o recoñecemento da oficialidade e das ligas propias sería un desastre para o deporte español, auto-respondendo que "non necesariamente", posto que moitos dos xogadores destas seleccións militan en Segunda ou Segunda B. Mais, segundo este artigo, aínda que non politicamente, as cousas no terreo deportivo están listas e as tres seleccións son potentes (nas últimas tempadas os vascos gañáronlle a Bulgaria, Uruguai e Nixeria; mentres que os cataláns prevaleceron fronte a Chile e Ecuador; e os galegos gañáronlle a Uruguai, e empataron fronte a Ecuador e Camerún); e contan co apoio da afección.

O que habería que facer para acadar a oficialidade

O único que queda por facer, segundo Libération, é "convencer aos dirixentes do fútbol internacional", mais primeiro hai que obter o visto bo da Federación Española de Fútbol, necesaria para participar das competicións da FIFA. Por outro lado, tamén hai que contar coa UEFA, posto que só se permite a afiliación á FIFA a través dunha confederación continental. E en 2002 a UEFA modificou a súa constitución para que só as federacións de estados independentes, recoñecidos pola ONU, poidan entrar a facer parte da entidade; proceso que se iniciou para impedir a adhesión de Xibraltar, baixo a presión española.

Mais tamén hai que ter en conta o transfondo político no que tamén se move o fútbol e outros deportes.


4,58/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: