Carod Rovira, Azkarate e Bugallo asinaron este sábado un acordo que promoverá o intercambio en materia deportiva entre os tres países.
Os tres representantes, no momento da sinatura
Os responsábeis de Deportes de Galiza, Euskadi e Cataluña asinaron este sábado en Bilbao a que xa se coñece como "Declaración de San Mamés". O documento reflicte o compromiso dos tres gobernos en promover a coooperación en materia deportiva e en apoio das súas respectivas seleccións nacionais.
O vicepresidente da Generalitat de Cataluña, Josep Lluis Carod Rovira; a conselleira de Cultura de Euskadi, Miren Azkarate, e a conselleira de Cultura e Deporte de Galiza, Ánxela Bugallo, amosáronse dispostos a estreitar a colaboración entre as tres nacionalidades históricas en materia deportiva do mesmo xeito que xa o fixeran o 10 de decembro no eido cultural coa "Declaración de Compostela". Representantes dos tres gobernos manterán dúas reunións ao ano.
O nome da declaración vén dado polo lugar onde se asinou este sábado o documento, o estadio de San Mamés, horas antes do comezo do partido entre as seleccións masculinas de fútbol de Cataluña e Euskadi. As tres nacións comprométense a promover a participación dos clubes e das federacións propias ao nivel máis alto de competición e a se implicaren nas federacións internacionais de cada deporte.
Tamén se estabeleceron futuras competicións entre as seleccións nacionais e os clubs dos tres países. Así, Galiza nunciou a súa presenza nos Xogos Náuticos do Atlántico por convite de Euskadi, coa participación das federacións de remo, vela, piragüismo e actividades subacuáticas. Cataluña ofreceulle ao noso país a integración na rede de Países deportivos onde xa está Euskadi. A segunda conferencia internacional da rede desenvolverase a finais de 2008 en Cataluña.
A declaración recolle a vontade de impulsar as cometicións e ligas propias nos deportes máis practicados e promover un torneo Catro Nacións entre os campións das ligas autonómicas cun club campión doutro país como convidado.
Así mesmo, os tres representantes políticos coincidiron en promover a igualdade no exercicio do dereito ao deporte e erradicar a discriminación de xénero. Anunciouse a posibilidade de asinar convenios específicos para compartir os técnicos de tecnificación dos tres países. Ademais, o documento abrangue outras materias, como a promoción dos deportes tradicionais, a loita contra a dopaxe e a promoción de intercambios deportivos entre Galiza, Euskadi e Cataluña.