Serán en total case 1.500 millóns de euros os que manexe o Plan, e a maior parte veñen de Bruxelas, 856 millóns. Este mércores confirmouse a beizón da UE a un proxecto destinado a "dinamizar e garantir a viabilidade" do rural do país.
"Coherencia, transparencia e visibilidade" nas políticas para o rural foron criterios recomendados pola Unión Europea a través do novo marco normativo a partir do cal chega estoutra inxección de fondos europeos.
Nese contexto, a Consellaría do Medio Rural achegoulle a Bruxelas unha estratexia orientada a un obxectivo básico: a viabilidade social e económica das áreas rurais. Loita contra a despoboación ou estímulo do aproveitamento socioeconómico das actividades tradicionais son algúns dos eixos considerados despois da valoración de prioridades en función das necesidades "específicas e particulares" do rural galego.
Até o de agora, só Navarra recibira a beizón da UE para o seu Plan de Desenvolvemento Rural, aínda que neste caso se trataba dun programa dunha dimensión menor ca o galego. Galiza será así pioneira a nivel estatal no despregue da estratexia 2007-2013 para a construción "dun novo rural".