O Programa de Desenvolvemento Rural, ao que Bruxelas lle dará a beizón o próximo mércores 19 e que garante até 1.500 millóns para o país. Vieiros falou co director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López Iglesias, ao respecto da nova estratexia.
Mellora da viabilidade e competitividade dos sectores agrario e forestal; mellora do medio ambiente; calidade de vida e diversificación económica; e proxectos Leader. Velaí os catro eixos do Programa de Desenvolvemento Rural. A Unión Europea aprobará o próximo mércores a proposta definitiva deseñada pola Xunta. Serán 1.500 millóns de euros a investir no treito 2007-2013. A maior parte, 856,5 millóns de euros, proceden do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural. Administración estatal e Xunta investirán á súa vez 318,7 millóns respectivamente.
O primeiro chanzo do Programa vaise coñecer polo miúdo este mesmo venres, coa presentación do novo plan Leader de Galiza 2007-2013. Vieiros falou co director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López Iglesias, ao respecto da nova estratexia.
Se lle parece, comezamos polas claves, cal é o cambio de orientación que Medio Rural achega este venres para o plan Leader?
Son varios, e configuran en conxunto unha nova orientación nas políticas para o medio rural. En primeiro lugar hai que lembrar que os plans Leader están activos desde o ano 1991, pero non será até agora que se integren á fin plenamente dentro dunha planificación global.
Por outra parte, muda o modelo de xestión destes fondos. Por un lado, desde o punto de vista da composición dos que agora se chamarán Grupos de Desenvolvemento Rural, preténdese que sexan máis abertos e participativos, inseridos no tecido social e nos sectores produtivos. Ademais, aplicarase unha filosofía de portas abertas: calquera colectivo poderá incorporarse en calquera momento. A meta é que sexan grupos máis representativos. Doutra banda, a consellaría vai liberar estes grupos de todo un conxunto de tarefas burocráticas que agora absorberá a administración. Dese modo, vaise conseguir que os grupos poidan centrarse no traballo dinamizador. Iso axudará ao nacemento e maduración de proxectos.
E os proxectos en si, en que sentido se redefinen respecto ao visto até o de agora?
O conxunto de proxectos baixo diferentes nomes , que agora se clasifican baixo a denominación Leader, acostumaban ser pouco produtivos, con escaso efecto dinamizador. Sufrían dun sesgo por sectores que os levaba por exemplo a centrárense en infraestruturas ou aloxamentos para turismo rural. É significativo: nin tan sequera como dinamizadores do turismo rural de xeito global, simplemente financiando aloxamentos.
Agora vanse priorizar as iniciativas produtivas e empresariais, xeradoras de emprego, e dentro destas as máis importantes serán as de actividades agroalimentarias e forestais: novas producións, modernización de explotacións, proxectos experimentais, incremento do valor engadido de produtos agrarios... Tamén se atenderá a emprendementos non produtivos pero cunha estratexia diferente. Pásase dun escenario onde se usaban os cartos para pagar infraestruturas de prestación obrigatoria polos concellos a agora pular por desenvolver iniciativas que contribúan á mellora do ambiente e o contorno do rural, en definitiva á mellora da calidade de vida no rural.
En cifras, de que volume de recursos estamos falando que se van manexar?
Serán 150 millóns de euros de aquí a 2013, inseridos no conxunto do Programa de Desenvolvemento Rural, a través do cal se investirán até cerca de 1500 millóns de euros.
E está atado ese plan, hai beizón de Europa?
Hai xa meses que se veu revisando e corrixindo diversos temas, e na actualidade só quedan algúns detalles técnicos por pechar. Contamos con que se aprobe o próximo mércores 19.
Hai uns anos, e en declaracións para Vieiros cando estaba vostede á fronte do Idega, falaba dos problemas estruturais que agravaban a aplicación dos fondos europeos. É esa unha das razóns polas que nunhas zonas funcionou mellor que noutras? Ten vostede algún reproche especial sobre a herdanza que recolle da anterior etapa de goberno?
Houbo planeamentos mellores e planos moi malos. Dentro da inxustiza de facermos comparacións, hai sinalar con todo que o nivel de representatividade dos daquela chamados grupos de acción local era moi deficiente. Non aparecían integradas asociacións de empresarios, colectivos de mulleres, cooperativas e diversos axentes locais sen os cales en moitos lugares é difícil pensar que se poida facer unha programación eficaz sen contar con eles. Iso, aínda que non só, tamén estaba condicionado pola propia natureza de grupos tradicionalmente pouco abertos e en zonas en regresión demográfica, cun tecido social precario.
Entendo que o estímulo desa participación é entón unha clave, como se fará para incentivar esa implicación con eses lastres de saída?
Existe un descoñecemento moi grande dos plans, e unha primeira tarefa, que xa iniciamos, pasa por fomentar a apertura deses grupos, facer un labor de dinamización do territorio. Ás veces, había colectivos que non sabían ben de onde e por que xurdían os plans, ou crían que eran dos concellos. Hai que facer entón unha labor de incentivación. Nese sentido xa se vén realizando ese chamamento, a nivel de cooperativas, sindicatos, asociacións forestais... O obxectivo é que se corrixa ese tecido débil, e que na construción dun novo rural o propio proceso sexa tamén motor plural e incentivo.
Pero os exemplos de críticas e denuncias de presuntas irregularidades, algunha chegada ao ámbito dos xulgados, amosan que houbo un xeneralizado descontrol en etapas anteriores?
O problema viña polo déficit de partida e o reducido número de persoas que tomaban as decisións. Segundo esa situación da que falabamos, existían todos os boletos para que os proxectos de aí saídos non respondesen á realidade.
E respecto ao problema do clientelismo coas axudas. Aí os gobernos locais foron centro de moitas críticas...?
Nós pensamos que os concellos deben ser membros moi relevantes, malia que no que lle toca aos órganos de decisión os representantes do sector privado teñen que ser maioría nos Grupos de Desenvolvemento Rural. Pero é fundamental a participación activa dos Concellos.
Iso si: deben cambiar o chip en relación a eles. Iso quere dicir que os gobernos locais non deben ver os cartos como unha fonte de ingresos para financiar infraestruturas de todo tipo. Hai que darlle un enfoque estratéxico a eses fondos. Deben ser conscientes de que a meta é buscar a mellora maneira de dinamizaren os seus concellos.
De modo xeral, o desenvolvemento dos plans Leader até o de agora semella ser moi irregular segundo a zona da que falemos. Desde Medio Rural, en que zonas se considera que se avanzou máis, e en cales hai máis traballo por facer?
Si é certo que o funcionamento non foi igual en todos os lados. E independentemente da comparación que se poda facer entre uns e outros e de todos os déficits xerais, si hai exemplos de grupos con actividades interesantes, aínda que é xeral a falta de dinámicas participativas. Eses exemplos son á fin evidencias de que aínda no peor dos escenarios é posíbel facer cousas positivas.
Por iso, se agora conseguimos que funcionen axeitadamente e dentro dunha planificación global, podemos esperar que por cada euro público investido se poida xerar entre 1,5 e até máis de 2 euros privados. Iso implica un efecto significativo no territorio. Un efecto que vai moito máis aló, porque á vez estase dinamizando socialmente esa zona, estase creando un ámbito de participación atractivo que deixará un contexto mellor para o futuro.
Temos exemplos que se cadra son paradigmas da incapacidade amosada para a xestión dos fondos Leader, é o caso da Ribeira Sacra un dos máis significativos?
Si é un caso significativo. Aí a consellaría tivo que actuar porque sucederon cousas como que por exemplo se detectase que existía un elevado número de expedientes de propostas de proxectos que nin sequera se tramitaran, quedaran gardados nun caixón sen dar máis explicacións. Ese tipo de situacións non poden consentirse, porque é algo máis que falta de dilixencia, estanse incumprindo principios básicos coma o de transparencia.
Deseñaron entón mecanismos de control estreito?
Claro, imos ser moi rigorosos nese aspecto. Aínda que o da Ribeira Sacra é un caso estremo. Non obstante, hai que entender que o mellor mecanismo de control é o que vén de abaixo. Para evitar ese tipo de estremos, se o proceso se consolida desde o primeiro chanzo e se consegue esa implicación plural, todos os actores haberán de coincidir e preocupárense por promover ideas en favor da dinamización da calidade de vida no rural. Deben pensar que por exemplo un proxecto de alto valor proposto por un mozo, capaz de contribuír a fixar poboación no rural, produtivo e innovador, non pode quedar no caixón.
Poucas son as veces que oímos falar de innovación e rural na mesma frase. Parece que innovación era un concepto pouco manexado no contorno do rural galego?
Innovación non é un slogan. E hai que pensar que innovación é algo máis que internet, aínda que internet tamén sexa importante, e iniciativas como a de despregar unha rede wimax en Samos demostren o seu valor. Pero innovación no rural vai asociado a un amplo abano de posibilidades. Implica por exemplo a capacidade de recuperar produtos tradicionais cun mercado notábel, cultivos sustentábeis e con aplicacións de técnicas novidosas. No contorno do rural hai todo un abano de posibilidades inexploradas para a innovación.