Ademais, por iniciativa do PPdeG, aprobouse abrir unha comisión de investigación interna.
Casa do Concello de Mugardos
O Concello de Mugardos (Ferrol) aprobou este luns, en pleno extraordinario, presentarse como parte na causa xudicial aberta pola suposta trama urbanística, para poder ter acceso á documentación investigada.
PPdeG, PSdeG e Independentes por Mugardos deron o seu apoio á iniciativa do BNG, namentres que Esquerda Unida (EU), que foi quen presentou as denuncias que derivaron na investigación, se opuxo. Ademais cualificou a decisión, por boca da edil Pilar Díaz, como unha "farsa política e económica". "A institución municipal non debe lavar os trapos sucios de ninguén", dixo.
Pola súa banda, o alcalde, Xosé Fernández Barcia, pediu prudencia e defendeu a inocencia do equipo de goberno. "Este alcalde que ten Mugardos hoxe, sempre demostrou unha traxectoria impecábel, de honestidade, honradez e de traballo, sempre; e se é que teño que asumir algunha responsabilidade política, asumireina, mais con dignidade", asegurou.
Ademais, aprobouse -co voto en contra de EU- a apertura dunha comisión de investigación interna, a iniciativa do PPdeG. A composición da mesma ficou en suspenso, logo de rexeitaren os populares que estivese dirixida polo departamento de Urbanismo. Tampouco quixeron pórse eles mesmos á fronte, tal e como propuxo Fernández Barcia. Está previsto que o alcalde de Mugardos compareza no xulgado esta cuarta feira.