Co obxectivo de "foguear" o ex vicepresidente para competir un ano despois pola Xunta.
É desde hai tempo un ruxerruxe, e o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, fíxoo seu este domingo en forma de proposta directa ao presidente do PP, Mariano Rajoy. En entrevista nos micrófonos da Cadena Ser, Baltar considerou que se Rajoy consegue o acceso á Moncloa o próximo mes de marzo, debería nomear ministro de Fomento o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, para axudalo a gañar peso mediático cara á posterior loita pola Xunta.
"Polo ben de Galiza e polo do propio Alberto", expuxo o barón ourensán do PPdeG. Baltar prognosticou que o actual presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, esgotará a lexislatura se na cita das xerais o PP se fai co poder, mentres que, no caso de que José Luis Rodríguez Zapatero repita no Goberno, opinou que o líder socialista podería convocar "eleccións anticipadas" para aproveitar a vitoria do PSOE en Madrid.
Por outro lado, subliñou o que na súa opinión é un éxito co liderado de Feijoo no PPdeG, situación que segundo Baltar se debería ao proceso "participativo" de elección. "É o que queriamos, non que nolo impuxese Madrid", afirmou. Recordou que el mesmo apoiara no seu momento a Xosé Cuíña e explicou que mudou a orientación do seu voto "ao escoitar os militantes". Doutra beira, asegurou que non pensou en deixar o poder en Ourense até que vexa o seu partido outra vez no Goberno, indicando en que só pensa "deixar o barco" cando o barco "estea ben". "Se está en perigo, que conten comigo, non estou disposto a deixalo na estacada", concluíu.