O PSdeG defende a aposta do Goberno "pola dignidade do traballo e dos traballadores", así como pola "profesionalización da Administración".
Afonso Rueda, do PPdeG
O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, denunciou este venres que a Xunta vai destinar en 2008 un total de 8,51 millóns para cubrir os gastos en asesores de gabinete, o que supón un incremento do 36% con respecto a 2005, último ano dos populares á fronte do Goberno.
Rueda revelou que o actual Executivo conta con trinta asesores máis ca o anterior, co que o total de persoal eventual de gabinete ascende a 198, aínda que na web da Xunta só aparecen reflectidos 109. Xa que logo, segundo o PPdeG, estase a incumprir a Lei de Transparencia, que obriga á publicación deste dato.
Os datos publicitados por Afonso Rueda están botados dos orzamentos para o ano que vén e da rede de comunicación interna da Administración. Segundo estes, sete consellarías rexistran un aumento superior ao 25% en relación a 2005.
"Só o Gabinete de Touriño gasta 2,4 millóns, o mesmo que 11 consellerías do PPdeG, e un 50% máis que con Fraga", afirmou, e engadiu que con esta cifra se sufragan os soldos de 74 persoas. No caso da Vicepresidencia, a suba neste capítulo é dun 136% con respecto a 2005, salientou Rueda.
Dignidade dos traballadores
O viceportavoz do PSdeG no Parlamento, Xaquín Fernández Leiceaga, retrucoulle a Rueda ao respecto destas críticas, que "a Xunta cumpre cos seus compromisos e aposta pola dignidade do traballo e dos traballadores".
O deputado socialista afirmou "que o goberno bipartito conseguiu aprobar unha Lei de Transparencia, que se está a cumprir", e que "a transformación dos postos de xefes de servizo en postos de concurso busca garantir unha maior profesionalización da Administración Pública".