Desde o grupo do BNG na institución pregúntanse que é o que teñen que agochar os deputados liderados por Xosé Luís Baltar. Ao respecto, impugnarán o pleno onde rexeitaron publicar a declaración de bens e actividades.
"Seica para o presidente provincial isto é unha comedia", queixouse Xosé Manuel Pérez Bouza, voceiro do BNG na Deputación de Ourense. "Pois para nós non o é", afirmou, defendendo o dereito dos cidadáns a "saber" polo miúdo das retribucións aos seus cargos públicos e do patrimonio co que estes contan. "Pedimos o que está na lei", subliñou Pérez Bouza, pedindo "transparencia total" na institución.
Os nacionalistas insinúan que se cadra os deputados do PPdeG o organismo provincial non queren revelar que o seu patrimonio "non se axusta aos soldos que percibiron" durante estes anos e, en consecuencia, "seríalles moi difícil de explicar ante a cidadanía como acumularon un patrimonio que non se corresponde cos salarios que percibiron do erario público".