O secretario xeral da ONU, o coreano Ban Ki-moon, felicitouse polo acordo de Annapolis para reabrir as negociacións.
O 29 de novembro celébrase o Día Internacional de Solidariedade co pobo Palestino, instaurado por Nacións Unidas en 1977 para lembrar a data, o 29 de novembro de 1947, na que a súa Asemblea Xeral acordou a partición do país.
Aproveitando esta data, e ao fío das conversas mantidas por palestinos e xudeus na cidade norteamericana de Annapolis, Ban Ki-moon, secretario xeral da ONU, denunciou os sufrimentos, violencia e ocupación que sofren os palestinos, aínda que expresou as súas esperanzas en lograr unha solución baseada na existencia de dous Estados. Ban baseou o seu optimismo nas conclusións das conversas, nas que ambas partes comprometéronse a reabrir as negociacións de paz.
Ban Ki-moon lembrou que aos palestinos se lles ten negado o dereito á súa autodeterminación nos últimos sesenta anos. Isto, unido á constante fragmentación territorial e expropiación de terras á que teñen sido sometidos, comezou a crear, segundo Ban Ki-moon, o temor de que o soño dun Estado propio sexa imposíbel: "ese crecente sentimento de desesperanza debe ser revertido", apuntou.
Finalmente, o secretario xeral da ONU reclamou que se aborden todos os aspectos do conflito, enumerando a continuación os seguintes: Xerusalén, refuxiados, fronteiras, asentamentos, seguridade e acceso á auga. Afirmou que as indignidades, inxustizas e temores en ambas partes fan difícil construír a fe no proceso político, "pero iso é exactamente o que temos que facer", concluíu.