Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Idalice Nunes, MST

"Lula esqueceu as promesas que defendía cando era sindicalista"

A muller está a xogar un importante papel á hora de loitar pola reforma agraria do Brasil, unha das asignaturas pendentes do goberno de Lula, así llo contou a Vieiros Idalice Nunes, do MST.

Texto e cámara: Lucía Iglesias / Edición: Uxío Broullón - 09:00 21/11/2007

A soberanía alimentaria e o coidado do medio ambiente son dous dos obxectivos principais polos que o Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST) leva traballando dende hai 20 anos. As medidas: a ocupación dos campos e a loita política. Con motivo dunha mesa redonda organizada no marco do simposio Internacional Pobre Mundo Rico, a integrante do MST e presidenta da súa Cooperativa en Mato Grosso, Idalice Rodrigues Nunes, achegouse a Compostela para falar sobre o papel da muller na organización e para denunciar o asasinato dun compañeiro do Movimento.



Durante o seu encontro con Vieiros, Idalice Nunes quixo denunciar a situación latifundista na que se atopa o Brasil, xa que "eses amplos territorios sen cultivar non están a cumprir ningún tipo de labor social", e fixo un alegato en contra do "traballo escravo" resultante das accións das multinacionais e do agronegocio, que inflúen moi negativamente no medio ambiente e "están a acabar cos recursos naturais de zonas tan amplas coma a Amazonía".

O obxectivo principal do movemento ao que representa é o de acadar a soberanía alimentaria, poñer de manifesto o "dereito dos pobos a produciren os seus propios alimentos de forma sustentábel, xa que todo pobo que quere ser libre ten a obriga de xerar os seus propios alimentos, e todo isto sen intervir no medio ambiente". A outra das metas deste grupo é xustamente o coidado do ambiente, "o ecosistema brasileiro está a sufrir debido á intervención das multinacionais e hai que preservar as amplas áreas virxes coas que conta o noso país, como dereito da nosa nación".

Cambios políticos
Coa chegada de Lula ao poder, foron moitos os grupos que confiaron na posibilidade de realizar unha reforma agraria, mais o presidente "esqueceu as promesas que defendera na súa etapa de sindicalista, confiabamos en que no segundo mandato as cousas cambiaran, pero foi por onde a xente non quería e agora non lle teñen confianza. Malia isto, o MST é un movemento independente que continúa en loita", indicou Idalice. A integrante do Movimento comentou tamén que hoxe en Brasil "non hai políticas que respalden os ideais do MST, non hai partidos que representen os ideais dos traballadores, pero o que nós buscamos é acadar proxectos populares".

As accións que está a levar a cabo o Movimento pasan pola ocupación dos amplos e desaproveitados latifundios existentes no Brasil, creando acampamentos nos que cada día se vai sumando máis e máis xente, "a cuestión da modernización inflúe na migración cara a cidade das persoas que traballaban no campo, pero unha vez alí, tampouco atopan traballo, polo que regresan ao campo, aos acampamentos. Chega a haber persoas que levan seis ou sete anos acampados, e cada día aumentan máis. Isto seguirá así até que non consigamos una reforma da política agraria".

A muller na loita
As mulleres brasileiras están a levar a cabo unha importante tarefa no Movimento, pero non só nos acampamentos, senón que están a traballar arreo na “loita pola transformación social”, segundo comentou Idalice Nunes a Vieiros. "No Brasil, a muller ten unha tripla xornada de traballo, ten que realizar tarefas na casa, e no campo, pero tamén ten que traballar pola loita. As mulleres van conquistando espazo en base a moitos sacrificios".

Violencia polo beneficio
O 21 de outubro produciuse unha masacre nunha facenda situada en terras da empresa multinacional Sygenta, no Paraná. Segundo indica Idalice Nunes, un total de 50 pistoleiros abordaron por sorpresa a un grupo de 60 familias que estaban acampadas. O resultado foi a morte dun membro do MST, e varias persoas feridas. En representación do movemento, Idalice Nunes desprazarase até o Porriño para levar as sinaturas recollidas en Galiza pola ONG Amarante e, segundo indicou, realizarán manifestacións en diferentes estados para denunciar a "situación de indefensión na que se atopa a xente".


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: