Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ciclón 'Sidr'

O goberno de Bangladesh calcula que o número de mortos supera os 1.700

Porén, as autoridades da capital do país aseguran que a cifra final podería roldar entre as 2.000 e 3.000 persoas.

Redacción - 12:55 18/11/2007

O goberno de Bangladesh elevou o número de vítimas polo ciclón Sidr e o seu rastro de destrución no país asiático até as 1.723 persoas, aínda que as autoridades de Dacca, a capital, aseguran que a cifra final de mortos podería roldar entre as 2.000 e 3.000 persoas.

Máis de corenta e oito horas despois do paso do ciclón, que segundo os meteorólogos cubriu practicamente toda a superficie de Bangladesh, as tarefas de rescate continúan con lentitude e máis de tres millóns de desprazados tratan de reconstruír as súas vidas.

Os efectos do ciclón foron devastadores para as infraestruturas do país, e os esforzos de voluntarios, Exército e servizos de rescate seguen intentando acceder ás aldeas costeiras arrasadas polos fortes ventos e inundacións, mentres centos de miles de persoas continúan incomunicadas.

O 90% da colleita, derramada
'Sidr' xa é o ciclón máis mortífero da última década e o máis devastador dos últimos cincuenta anos: destruíu centos de miles de vivendas no sudoeste de Bangladesh tras tocar terra o pasado xoves e acabou cun 90% da colleita.

Moitos dos evacuados, que este domingo puideron regresar ás súas vivendas, atopáronas arrasadas pola tormenta, xa que a maior parte delas están construídas con palla e bambú. "Sobrevivimos, mais o que necesitamos agora é axuda para reconstruír as nosas casas", declarou Chand Miah, veciña de da pequena illa de Maran Char.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: