Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
"Buenos Aires Gallega"

"Este libro é máis un comezo que un remate"

Díxoo o historiador Ruy Farías na presentación do volume que compendia as máis de 25 ponencias destas xornadas. O resultado: 450 páxinas cunha ollada polifónica e variada sobre a relevancia dos galegos na historia da capital arxentina.

Débora Campos - 13:30 11/11/2007

Na mesma sala onde se sucederon as conferencias das Xornadas Buenos Aires Gallega: Inmigración, pasado y presente no mes de agosto, foi presentado esta semana o volume que -co mesmo título que o encontro- compila máis de 25 ponencias sobre o destacado papel que xogaron os galegos e as galegas na conformación e desenvolvemento da capital da Arxentina. Por iso, o historiador Ruy Farías adiantou: “Este libro é máis un comezo que un remate”.
A sala, de evidentes trazos coloniais que ten unha memoria de máis de 200 anos, estivo o luns abarrotada de xente. Diante de todos, agradeceron e louvaron o traballo publicado pola Comisión para la Preservación del Patrimonio Histórico Cultural da cidade de Bos Aires, o historiador Luis Cortese, as funcionarias Leticia Maronese e Liliana Barela, Ruy Farías quen compilou as ponencias e a titular da Delegación da Xunta de Galicia María Xosé Porteiro.
A máis importante “A emigración galega é a máis importante da que marchou da península Ibérica. De feito, uns 600 mil homes e mulleres radicáronse definitivamente neste país austral: un número certamente impresionante”, lembrou o historiador Farías, logo de agradecer aos conferenciantes e lembrar aos impulsores das xornadas.
“Galegos houbo en toda a Arxentina, pero ao longo da primeira metade do século XX vivían máis galegos na cidade de Bos Aires que en calquera outro sitio do mundo. De feito que, dedicar un libro á emigración galega non necesita maiores explicacións, máis non fora polo peso demográfico deste colectivo”, adiantou Farías.
Por iso, chamou a atención sobre un feito xa analizado: “Por todo isto, é moi raro que esta colectividade galega teña un reflexo parcial e moitas veces distorsionado. Sen dúvida, isto ten que ver co prestixio social do grupo”, explicou.
Chistes vs análise Que coñece a Ruy Farías sabe que, ademáis dun dedicado e rigoroso historiador, hai nel un home simpático e un inimigo feroz dos chistes de galegos. Sendo a presentación dun seu traballo, non podía faltar a denuncia. E non faltou: “Este libelo -dixo mentres abaneaba un exemplar do libro “Chistes de Gallegos” asinado co alcume Pepe Muleiro- vendeu 250 mil volumes e o seu autor foi recebido e condecorado polo entón Embaixador de España na Arxentina”.
Farías citou un documento histórico co que deu conta dunha exquisita lembranza da retranca galega no país austral e comparou a intelixencia deses “chistes de gallegos” (as manifestacións dun sentido do humor fabuloso) diante desa burla que foi best seller na Arxentina. E rematou: “Das diferentes olladas que a sociedade porteña ten é que fala este libro -dixo co volume de ponencias na man- e tamén fala doutras cousas. Por iso, agardo eu que se vendan tantos exemplares coma os que se venderon desta porquería”, rematou e sinalou o libriño de chistes, mentres soaban as risas das más de 250 persoas alí reunidas.
Axudas, presentacións e segundas partes A titular da Delegación da Xunta de Galicia María Xosé Porteiro tamén falou no acto ainda que recoñeceu que non lera o libro e que o que del sabía chegáralle por un convite do Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. “Esta é a miña primeira intervención pública -comezou, falando en castelán-. Cheguei coma público porque quedei moi interesada en coñecer este texto logo dunha chamada de Ramón Villares na que me adiantaba os detalles deste traballo”, explicou.
Riu cando dixo: “Non me extraña nada que detrás de todo isto estea o armadanzas de Xosé Manoel Núñez Seixas e penso que aquí diante, na portada, habería que engadir Tomo I porque é de xustiza que se siga investigando”. E, dende logo, non marchou sen ofrecer a súa axuda para que o libro sexa presentado na Galiza tamén.
“Sei que non é científico facer uso das experiencias persoais -dixo- pero pasoume fai poucos días que me topei imprevistamente diante dun oleo de Castelao chamado “A derradeira leccion do mestre” e quedei paralizada. Vírao moitas veces antes, pero atopalo asi, de repete... e comecei a chorar. Penso que igual eu non sabía o que significaba para min ese oleo até que o vin aquí”, rematou.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: