Acusan a Abdalá de financiar mesquitas radicais e panfletos contra os homosexuais, contra as mulleres traballadoras e a prol do fundamentalismo relixioso.
"Vainos dar este home a nós leccións de antiterrorismo?", ironizaba este martes o xornal inglés The Independent ao fío da visita ao Reino Unido do monarca Abdalá de Arabia Saudí. Tamén belixerante cara á visita aparecía un cadriño en The Times, en caricatura da raíña Isabel II reverenciando diante dun barril de petróleo.
Entre outros datos que a prensa aproveita para lembrar esta semana está o informe do Policy Exchange sobre o financiamento que a administración de Arabia Saudí lle fornece a grupos que editan volumes extremistas nos que se incita ao odio relixioso, mesmo prohibindo casamentos entre persoas de diferente confesión, ou contra os dereitos da muller e a prol do asasinato da represión sobre os homosexuais.
Ao tempo, Amnistía Internacional convocaba concentracións contra a visita e aproveitaba para recuperar as denuncias polas violacións dos dereitos humanos das que é responsábel o réxime saudí. Torturas a membros da oposición política, ducias de execucións, recorte dos dereitos básicos para a muller...
Por outra parte, desde o goberno británico hai tamén malestar polas declaracións da delegación saudí de que presuntamente tiñan enviado información no seu día que puido ter evitado os ataques de 2005 en Londres. O executivo de Gordon Brown negou que esa afirmación fose certa.