Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Voces a prol e en contra

O goberno ruso podería enterrar a Lenin

Oficialmente afirman que é prematuro propoñelo, mais fontes oficiosas do Kremlin apoiarían a decisión de sacalo da Praza Vermella de Moscova.

Redacción - 14:35 12/10/2007
Fila de persoas agardando a entraren no Mausoleo

Fila de persoas agardando a entraren no Mausoleo

O administrador do Kremlin, Vladimir Kozhin, opinou esta semana que por agora sería prematuro propoñer calquera cambio respecto da momia do líder bolxevique Vladimir Lenin, exposta no Mausoleo da Praza Vermella de Moscova.

"Estou convencido de que por agora nada se debe tocar. Non fixemos máis que comezar a nos afastar da revolución, das interminábeis batallas políticas, a comezar a vivir normalmente", dixo Kozhin nunha entrevista publicada polo diario gobernamental Rossiískaya Gazeta.

No entanto, afirmou que a existencia dunha necrópole en "pleno centro do país" é un "disparate". Mais, con todo, a decisión sobre se "debe seguir aí ou non" tería que tomarse a nivel nacional, opinou. "O mellor xeito podería ser un referendo e se un 80% dixese que o corpo de Lenin debe ser sepultado, entón é cando habería que tomar algunha decisión, non antes", dixo.

Porén, segundo unha "fonte do Kremlin" citada este mércores pola axencia de noticias británica Reuters, "deberíase sacar o corpo embalsamado de Lenin, e enterralo como un acto de peche ao turbulento pasado de Rusia".

As demandas de sacar a momia de Lenin do Mausoleo e enterralo, tal e como el quería, xunto á súa nai en San Petersburgo, ouvíronse por primeira vez en tempos da perestroika de Mikhail Gorbachev.


1,88/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: