De que o camiño dos iraquís se decide fóra do seu propio país é exemplo a proposta que hai poucos días aparecía no Senado estadounidense.
Non é a primeira vez que a idea salta brevemente a un primeiro plano, e probablemente non será a última. Hai poucos días, un dos aspirantes á presidencia dos EUA, polo bando demócrata, Joseph Biden, recuperaba esta posibilidade manexada anteriormente polo actual goberno Bush.
Biden presentoulle ao Senado un plan detallado, deseñado por un coñecido experto en política exterior que vencellado ao ex presidente Jimmy Carter, que propoñía o estabelecemento dunha federación cunha separación clara entre tres territorios asignados a cada un dos principais grupos: curdos, xiís e sunnís. O Senado sorprendeu dándolle a beizón por ampla maioría a esta iniciativa, malia que na actualidade o goberno Bush di non ser partidario dunha idea semellante. Os senadores coincidiron que sería a mellor solución para retirar as tropas do país. O plan inclúe un pequeno poder central con sede en Bagdad a quen, iso si, lle correspondería basicamente a tarefa de xestionar o comercio petroleiro.
A idea foi criticada duramente por representantes de partidos do ámbito sunní e xií. No outro estremo, os curdos apoiarían a idea.