O Comité Cidadán de Emerxencia considera que o artefacto estourado o martes prexudica ao colectivo que leva máis de dous meses pechado no concello.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol asegurou que o artefacto explosivo que estourou o martes en Meá tivo como "vítimas directas" aos veciños da localidade que dende hai dous meses reclaman, cun encerro no concello, que Reganosa non opere comercialmente.
A través dun comunicado, o colectivo recordou que os membros da Plataforma O Cruceiro de Meá se reúnen na antiga Escola Unitaria dos Novás, no aparcamento da cal se sitúa o colector de vidro que estourou, e que a 50 metros do lugar está un coñecido mesón de comidas que dende o 23 de xullo serve víveres aos veciños pechados na casa consistorial.
Xa que logo, considera "vítimas inmediatas" aos veciños aos que a explosión danou as súas vivendas, e amosou a súa "máis absoluta condena" polos feitos acontecidos e o seu "desprezo" aos autores.
Ao mesmo tempo, advertiu de que a súa loita contra a "ameaza" que supón Reganosa continuará no marco do Estado de dereito e da legalidade vixente. "Non nos intimidan as ameazas", subliñou o colectivo.
Manifestación do domingo
Por outra banda, rexeitou as declaracións dos que "durante anos deron mostras de complicidade coas ilegalidades de Reganosa", e que consideran que "instrumentalizaron" o sucedido para "confundir á opinión pública" e "deslexitimar a loita democrática dos cidadáns" e do comité.
Por último, o Comité Cidadán lembrou que o domingo 30 de setembro terá lugar unha manifestación que sairá ás 12.00 horas do peirao de Curuxeiras de Ferrol para demandar o traslado da planta de gas ao porto exterior, fóra da ría.