Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Manuel Rivas, Méndez Ferrín, Díaz Pardo e Ramonet son algúns dos que apoian a petición do Comité Cidadán.
Os colectivos que se opoñen á planta de gas de Reganosa fixeron público este sábado o nome de máis de 150 intelectuais e artistas que apoian as súas reivindicacións. Nun acto celebrado na Facultade de Humanidades de Ferrol, o Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol volveu pedirlle ás administracións deneguen a autorización definitiva para o funcionamento comercial da planta.
O voceiro do colectivo, Eliseo Zahera, lembrou que a polémica planta aínda se atopa en fase de probas e esixen que se lle denegue o permiso último. Ademais pídenlle á Xuta que “reoriente a súa política enerxética”; ao Concello de Ferrol que reclame ao Tribunal Suprema que faga firme a sentenza de 2004 que anulaba a tramitación ambiental de Reganosa; e ao Concello de Mugardos que revise os permisos das instalacións.
Segue o peche de veciños
Este domingo cumpriranse dous meses de peche no consistorio de Mugardos. Os veciños reclaman unha entrevista co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e co ministro de Industria, Joan Clos. Cantantes como María Manuela, escritores como Lino Braxe e actrices como Mabel Ribera participan este sábado en actividades de apoio aos pechados.