O Acordo de Alxer, do 12 de decembro de 2000, púxolle fin a unha guerra de máis de dous anos entre ambos os países.
O goberno de Etiopía afirma, segundo informa a canle británica BBC, que lle comunicou oficialmente a Eritrea que está a considerar rachar cos compromisos acordados por ambos países e materializados no Tratado de Alxer, do 12 de decembro de 2000.
Etiopía acusara en recentes datas ao país veciño de acoller grupos terroristas e de violar os acordos asinados, ao ocupar a zona desmilitarizada, así como de restrinxir a mobilidade dos pacificadores de Nacións Unidas (ONU) na zona.
O Ministerio de Asuntos Exteriores etíope, nun comunicado do que tamén enviou copia ao Consello de Seguridade da ONU, afirma que estes son motivos de abondo para suspender ou rachar o tratado de paz. No entanto, fontes do departamento sinalan que se trata dunha advertencia.
Eritrea independizouse de Etiopía en 1993, mais as disputas fronteirizas levaron aos dous países a unha guerra entre 1998 e 2000, que provocou máis de 100 mil mortos.