É posíbel que a candidatura galega a un dominio de internet para a cultura do país poida presentarse oficialmente en 2008.
Os directivos da Asociación Puntogal -que busca un dominio de internet para a lingua e culturas galega- aseguráronse o apoio do grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego nunha xuntanza realizada onte en Santiago. Deste xeito, a Asociación xa dispón do respaldo formal de todas as forzas políticas con representación no Pazo do Hórreo.
E é que, antes de seren recibidos polos nacionalistas, Puntogal captara a adhesión do Partido Popular e do Partido Socialista. Co apoio dos tres grupos no peto, o seguinte paso podería ser que o propio Parlamento de Galicia aprobase unha resolución a prol do dominio, como xa fixo a Cámara de Gales en favor do “.cym”.
A convocatoria está máis preto
A aprobación do “.gal” depende da ICANN, un organismo internacional que, polo de agora, mantén pechada a presentación de novas candidaturas. Porén, a ICANN acaba de aprobar este mes as recomendacións que guiarán unha próxima convocatoria de dominios.
Polo tanto, e posíbel que o Puntogal teña oportunidade de someterse ao examen oficial durante 2008. Mentes tanto, o “.cat” -para a lingua e culturas catalás- continuará sendo o único dominio lingüístico presente no ciberespazo.