Presidencia e a Fundación Europea para a Sociedade da Información asinaron un convenio para instalar 32 servizos por todo o país.
Trinta e dous concellos contarán a finais deste ano con oficinas electrónicas, o que converterá o noso país no primeiro de Europa na súa implantación. O Goberno destinará 395.920 euros nesta medida, que asinaron este mércores no Parlamento Europeo o conselleiro da Presidencia e mais o presidente da Fundación Europea para a Sociedade da Información e a Administración Electrónica.
O servizo permitiralle á Xunta universalizar os servizos electrónicos de acceso á Sociedade da Información, como darlle a todos os cidadáns adultos un enderezo persoal de correo electrónico, acceso aos servizos en liña das administracións europea, española, galega e local, e a utilización do documento de identidade electrónico. Deste xeito, os cidadáns non terán que acudir a unha xanela para resolver trámites.
As oficinas serán públicas e gratuítas e empregarán aplicacións en galego e en castelán, e mais en inglés e en francés nas áreas de carácter turístico. Méndez Romeu explicou que o convenio é o primeiro asinado coa fundación europea e amosou a súa confianza en que no futuro se complete con máis aplicacións. O acordo terá, en principio, unha duración de catro anos.
O horario das oficinas e o seu emprazamento estarán fixados pola Xunta, aínda que en todo caso estarán en recintos pechados, como sedes de consellarías, lugares públicos ou centros culturais. A Fundación encargarase do desenvolvemento do hardware e do software e da súa instalación, mantemento e explotación.