Volveu o ciclismo na 16ª etapa, que arrincaba en Xaén e terminaba en Puertollano, tras o merecido descanso da segunda feira. Comeza a terceira e decisiva semana da Vuelta.
A desta terza feira foi unha etapa de 161 quilómetros con momentos de media montaña, nas subidas ao Parque Natural de Andújar -porto de 2ª categoría-, á Serra Madrona -porto de 3ª categoría-, e ao Alto del Tamarán, que ao final substituíu ao de Rehoyos no percorrido inicial.
Esta etapa fixo que os equipos de velocistas pensasen moito se malgastar as enerxías dándolle forza dende o comezo, cando os portos de montaña estaban cara o medio da etapa. Para os organizadores da Vuelta tratábase dun día perfecto para os chamados "cazaetapas"; ciclistas que procuran o momento de se luciren. Ao final o ciclista colombiano do Cofidis, Leonardo Duque fíxose coa etapa, entrando por diante de Kolobnev no sprint final.
Unha etapa na que non houbo novidades na xeral
Xa houbo unha fuga na primeira hora de carreira que o equipo de Menchov, o Rabobank, coa encomenda de cubrirlle as costas ao seu líder, tentaba alcanzar, tirando da cabeza do pelotón. Cando xa parecía que os equipos do pelotón se resignaban a coller aos fuxidos, son estes os que comezan a se atacar os uns aos outros. Nos últimos quilómetros, de entre os 17 fuxidos comezan a destacar Horrach, Duque, Kolobnev e David Herrero, do KGZ.
A 20 quilómetros da meta a vantaxe destes catro fugados era de 18 segundos sobre o grupo perseguidor, onde seguían as loitas, mentres que o pelotón principal transitaba a máis de 6 minutos e 30 segundos deles.
Ao final, nunha loita intensa, o ciclista do KGZ foi ficando atrás, deixando para outro día a ilusión do equipo profesional galego: que algún dos seus gañase unha etapa. O KGZ é un dos 11 equipos que aínda non conseguiron ningunha vitoria de etapa nesta edición da rolda española.
Reflexións ante a semana final
Os entendidos en ciclismo sinalan a comezos da semana os seus favoritos para levar o maillot de líder para a casa. Todo o mundo nomea a Menchov, mais tendo en conta que aínda fican 6 etapas por diante e no ciclismo nunca nada está escrito, poden mudar moito as cousas. Tamén se barallan momentos cruciais nas etapas que aínda fican, e posíbeis atacantes para Menchov, como Sastre.
As crónicas do KGZ
O equipo profesional galego fixo un balanzo altamente positivo da súa primeira participación na Vuelta a España até o segundo día de descanso, no que conseguiu portar durante nove días o maillot de líder da montaña a través do neoprofesional Serafín Martínez e mantén a Ezequiel Mosquera instalado no sexto posto da clasificación xeral.