Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ezequiel Mosquera, ciclista do Karpin Galicia

"Queriamos colocar un entre os dez primeiros; agora, gañar unha etapa"

Converteuse nunha revelación no que vai de Vuelta e agora Vieiros falou con el na xornada de descanso, antes da última semana da proba, na que todo se decide.

A. Rodríguez - 19:45 17/09/2007
Ezequiel Mosquera asinando autógrafos, na etapa do domingo

Ezequiel Mosquera asinando autógrafos, na etapa do domingo

Os do Karpin Galicia ían ver se protagonizaban algunhas escapadas, e logo se metían algún dos seus entre os 10 primeiros. "Agora que xa fixemos as dúas, gustabamos de gañar algunha etapa, e xa volveríamos encantados para a casa", dille Mosquera a Vieiros.

Ezequiel Mosquera é un dos protagonistas absoluto da primeira parte desta Vuelta. Estivo dúas semanas quinto na clasifición, e agora está sexto, a 4:01 minutos do líder, Denis Menchov.

Ten 31 anos e leva relativamente moi pouco tempo dedicándose ao ciclismo. Comezou aos 18 case 19 anos -antes non lle dera por aí, debido aos estudos-, pensando "a ver se saio, e se non me sae ben aínda podo dedicarme a outra cousa". Hai só unha semana dicía no Diario Vasco que o traballo no serradoiro familiar é aínda máis duro que andar en bicicleta. É un tipo normal que anda moi ben de físico, -"parece que si, que senón non estaría aquí", di el-, e que está a vivir un moi bo momento, sen soñar nada porque "aos 31 tacos pouco podo soñar".

Naceu en Cacheiras mais vive na Ramallosa, tamén no Concello de Teo, e de cando en vez, axuda no serradoiro familiar, pero non agarda meterse nel se deixa o ciclismo. Quere estar enriba da bici o maior tempo posíbel, e logo xa se verá.

Comezou, como moitos galegos, como ciclista profesional en equipos de Portugal, e el asegura que é grazas ao ciclismo portugués que agora pode estar nunha grande como a Vuelta. Despois estivo no Kaiku e logo no Comunidad Valenciana, mais foi chamado por Álvaro Pino cando se formou o equipo profesional galego. Pino non era o seu ciclista favorito de pequeno -"chegueille tarde, no meu tempo eu era de Indurain, coma case todos"-, mais agora diríxeo e dálle ánimos todos os días, despois das etapas e nos adestramentos.

Ezequiel Mosquera nunca correu nunha gran carreira, e tampouco agardaba correla agora. Ao mellor, de chegar até aquí con 25 ou 26 anos as cousas habían ser doutro xeito. Cada día recibe unha chea de chamadas para entrevistalo e anda a asinar autógrafos despois de cada rolda. Nós collémolo xusto no día de descanso, cando ía durmir, aínda que logo pensou en buscar unha perruquería para cortar as guedellas, que xa o molestan.

V: Collémolo descansando? Para algo nos días de descanso?
E.M: Non paramos case nada. Viñemos agora de adestrar e fun comer algo. Pensaba en durmir, pero agora acabo de saír do hotel na procura dunha perruquería, por aquí preto. Nos días de rolda erguémonos aí polo mediodía ou ás 13:00 horas xa estamos de pé, o que non é moi cedo, porque a Vuelta adáptase aos horarios da TV, e cada vez sae máis tarde.

V: Como se ve a si mesmo nesta Vuelta?
E.M: Fisicamente teño que estar ben, que senón non estaba onde estou, mais o paso dos días acusa. Uns nótano máis que os outros, pero notar notámolo todos. Teño que ver como responde o meu corpo a esta última semana e estou a mirala con respecto e incerteza, porque non sei o que pode acontecer. Psicoloxicamente, ando ben animado. Teño unha boa posición e hai que defendela, porque senón de nada me vale estar onde estou.

V: Antes de vir correr a Vuelta, botou un tempo sen subir na bici, non é?
E.M: Estiven un tempo descansando, por volta dos 20 días sen tocar a bici e 2 meses e medio se competir. Logo fun á Clásica de Ordizia e a unhas cantas etapas de Volta a Portugal, pero non a completei. Estiven adestrando e correndo con calma, sen terminar as carreiras, preparándome para a rolda española.

V: É a primeira vez que ten ao resto do equipo tan entregado, tan pendente do que fai e a axudalo en cada momento?
E.M: Xa noutras roldas nas que ía líder, o equipo estivo botándome unha man. Agora están apoiándome todo o tempo e moi pendentes de min. A verdade é que me dá un pouco de rabia porque eles están a traballar moi duro e moitas veces sacrifícanse por min. Sempre che gusta que estean pendentes de ti, mais tampouco está ben que gasten todos os seus cartuchos en ti, e que logo eles non velen polo éxito persoal.

O papel de líder non vai comigo. O equipo está a axudarme a defender a miña posición o xusto, a subirme auga, a preocuparse por min. Ás veces, se eu non corro perigo, eles podían mirar máis polas súas posicións, e correr para buscalo protagonismo que merecen.

Ao que teño moi pendente de min é a Gustavo Veloso. Anda sempre detrás de min, peito ao aire, colocándome ben e baixándome por auga cando a preciso.

V: Como ve ao KGZ nesta rolda?
E.Z: Estamos moito mellor do que agardabamos. Viñemos coa idea de meternos nalgunhas fugas e colocar a algún dos nosos entre os 10 primeiros, pero agora, se gañásemos unha etapa xa quedábamos contentos de todo.

V: Como viviu o paso da volta por Galiza?
E.M: Vivino intensamente, porque a segunda etapa pasábame mesmo por diante da casa, e meus irmáns, curmáns e colegas fixeran unha faixa enorme e había moitísima xente apoiándonos. Pasamos moi largados e non me deu moito tempo a velo todo, pero fiquei contentísimo. Por outro lado, non houbo tanta xente en ningunha das etapas como houbo nas tres que pasaron por Galiza. Até mo comentaron ciclistas doutros equipos, que quedaron sorprendidos coa de xente que se xuntou nas etapas galegas.

V: E agora, metido entre os 10 primeiros dunha grande, entre algúns dos mellores ciclistas do mundo, e manténdose con forza, con que quere soñar?

E.M: Xa non podo soñar moito porque teño 31 tacos e penso as cousas día a día. Quero terminar o mellor posíbel e facer as cousas pouquiño a pouco. Do que realmente gustaba é de estar como profesional un pouquiño máis de tempo e retardar o momento no que baixe da bicicleta.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na contrarreloxo, nunha das primeiras etapas de Vuelta
Na contrarreloxo, nunha das primeiras etapas de Vuelta
Antes da saír, nunha das primeiras etapas
Antes da saír, nunha das primeiras etapas
Noutra imaxe, antes de partir a etapa
Noutra imaxe, antes de partir a etapa
Canso, despois dunha etapa, falando coa Galega
Canso, despois dunha etapa, falando coa Galega
Despois doutra etapa, atendendo aos medios de comunicación
Despois doutra etapa, atendendo aos medios de comunicación
Xusto detrás de Óscar Pereiro, antes de que o de Mos se retirase do rolda española
Xusto detrás de Óscar Pereiro, antes de que o de Mos se retirase do rolda española
Sorrindo ao falar coa prensa ao término dunha etapa, cando ía quinto na xeral
Sorrindo ao falar coa prensa ao término dunha etapa, cando ía quinto na xeral
Unha foto de familia do KGZ
Unha foto de familia do KGZ