Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xeografía da contaminación

Os puntos negros do planeta

Un informe do Instituto Blacksmith sitúa nun mapa os lugares máis afectados pola polución do mundo.

Redacción - 11:06 17/09/2007
Plantas químicas en Norilsk (Siberia) / Foto: Hans Wendel, Blacksmith Institute

Plantas químicas en Norilsk (Siberia) / Foto: Hans Wendel, Blacksmith Institute

O Instituto Blacksmith, especializado en atopar vías para combater a contaminación no mundo en desenvolvemento, publicou un mapa dos lugares máis contaminados do planeta. A dubidosa honra de figurar no Top 10 téñena dúas industrias de Rusia, outras dúas da China, dúas da India, unha de Ucraína, outra de Acerbaixán, unha máis de Zambia e outra de Perú. Se se amplía a lista até os trinta principais focos de polución do mundo, ningún deles situado nos países máis desenvolvidos, Asia preséntase como o continente con máis perigos para a saúde.

Os complexos petroquímicos e industriais de Sumgayit (Acerbaixán), un gran centro de orixe soviética, con vertidos de produtos químicos orgánicos e metais pesados como o mercurio, aféctanlles a 275.000 persoas, que sofren altos índices de cancro, mortalidade infantil e malformacións. Na China, as industrias do chumbo de Tianying e do carbón de Linfen teñen máis de 3 millóns de habitantes afectados.

O subcontinente indio ten dous importantes focos de contaminación: as minas de cromo de Sukinda, con 2.600.000 persoas potencialmente prexudicadas, e o corredor industrial de Vapi, onde 71.000 cidadáns teñen que beber auga non potábel. O único punto da terríbel listaxe en América está en La Oroya (Perú), zona mineira-industrial con altos niveis de chuvia ácida.

O legado das industrias da antigua URSS deixaron en Rusia dous dos principais núcleos contaminantes do mundo: as fábricas de armamento químico de Dzerzinsk e a extracción e procesado de níquel de Norilsk, ao norte do círculo polar. As consecuencias do accidente nuclear de Chernobyl (Ucraína), aínda se senten en, cando menos, cinco millóns e medio de persoas.

África non queda libre de formar parte do ranking. A minaría do cadmio e do chumbo de Kabwe (Zambia) fan que o envelenamento por metais pesados se convertese nun mal endémico na zona, que abrangue 255.000 habitantes. En todo caso, o Instituto Blacksmith achega posíbeis solucións aos problemas sanitarios provocados pola contaminación en cada un dos puntos negros do planeta.


View Larger Map


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: