O candidato demócrata avoga por unha retirada "inmediata" e "gradual" das tropas. Por outra banda, EUA liberará prisioneiros co gallo do mes do Ramadán.
O candidato presidencial demócrata Barack Obama afirma que "non hai solución militar en Iraq, nin nunca a houbo" polo que propuxo unha retirada "inmediata", mais "gradual", das forzas de ocupación estadounidenses deste país.
"O mellor xeito de protexer a nosa seguridade é comezar a sacar de inmediato as nosas tropas de combate. Non en seis meses nin nun ano, senón agora", sinala Obama nun discurso que pronunciará esta quinta feira na Universidade de Ashford, ao que tivo acceso Associated Press.
No entanto, aínda que a retirada comezaría "de inmediato", a evacuación total completaríase nun lapso de 15 meses, para fins do 2008, explica. "Que fique claro: non hai solución militar en Iraq, nin nunca a houbo existiu", di Obama no seu discurso.
A evacuación, sinala o precandidato demócrata, contribuirá non só a protexer "a nosa seguridade", senón tamén "a presionar os dirixentes iraquís co fin de que solucionen a súa guerra civil".
A oposición de Obama á invasión de Iraq foi un tema central da súa campaña polo nomeamento presidencial e utilizou esta cuestión para diferenciarse do seu principal rival, a senadora Hillary Rodham Clinton, quen votou a favor de autorizar o uso da forza en Iraq.
No discurso, Obama non propón retirar todos os soldados estadounidenses de Iraq, só ás tropas de combate, e suxire que outros efectivos militares poderían ficar máis tempo neste país.
Inicio do Ramadán
Por outra banda, o exército de EUA anunciou que liberará entre 50 e 80 prisioneiros iraquís ao día durante o mes musulmán do Ramadán, que inicia esta quinta feira en Iraq para os sunís e mañá para os xiís, que son maioría no país.
As autoridades liberarán só aquelas persoas que non poidan representar unha ameaza para a seguridade, e continuarán deica o final do Ramadán, o 13 de outubro. A tradición estabelece que, durante este período, os bos musulmáns non deben comer nin beber nada dende que sae o sol até que se pon.